
Este ano dende o Concello prográmanse distintas actividades polo 8M. O vinderio venres día 10 de marzo contaremos coa presenza de Atenea García e a súa narración "Vicio houbo sempre"
Vicio houbo sempre é un espectáculo de narración oral onde a música está moi presente. A peza vai da literatura de tradición oral ás historias de vida de varias mulleres, historias que foron recollidas cando as protagonistas tiñan entre 84 e 94 anos.
Vicio: Hábito ou costume de actuar de maneira contraria á moral ou ás normas sociais establecidas. Nos últimos anos andamos recollendo historias de vida e ás veces entre bica, viño e café sendo todas mulleres darredor rematamos por falar do importante: do vicio. A conversa naceu cunha frase: Vicio houbo sempre, gracias a Dios! E logo seguíronlle outras tantas como; Eu nacín moi cedo, Iso antes non che era así, Ai se fóra hoxe... e así fumos falando do pracer e de todas esas cousas supostamente prohibidas. Algunhas delas deixaron entrever que aquilo de chegar virxe ao casamento pasaba ás veces pero outras non, que sempre houbo vida nas marxes e que se fose hoxe outro galo cantaría. Por iso tiñamos que contárvolo, porque parece ser que vicio houbo sempre.
Venres 10 de marzo ás 20:30 horas no Auditorio Constante Liste
Para asistir é necesario reservar entrada neste mesmo espazo.