O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O SOL DESAPARECERÁ ...PERO NON DE TODO. Observación pública do eclipse solar parcial

Data e hora

Localización
Alto de Montouto
Como chegar

Prazas dispoñibles
468
Inscribirse

Prazas por persoa
4

Unha experiencia colectiva para vivir un dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios dos últimos anos.

O 12 de agosto de 2026, o ceo ofreceranos un espectáculo excepcional. Desde Teo poderemos contemplar unha eclipse solar parcial moi profunda, no que a Lúa cubrirá case por completo o disco solar, aínda que sen chegar á totalidade.

Aínda que en Teo non veremos unha eclipse total, a magnitude do fenómeno fará que a luz diminúa de maneira sorprendente, creando unha atmosfera única que permitirá comprender mellor un dos acontecementos astronómicos máis fascinantes da natureza.

O Concello de Teo convida á cidadanía a compartir esta experiencia desde o Alto de Montouto.

Será un encontro pensado para observar a eclipse con seguridade, descubrir por que un 99,94 % non equivale a unha eclipse total e vivir colectivamente un momento irrepetible.

A recepción das persoas participantes comezará ás 17:30 horas, con tempo suficiente para acceder á zona de observación, recoller as lentes homologadas para a observación solar e o material divulgativo antes do inicio do eclipse.

A observación estará acompañada por música tradicional galega, contribuíndo a crear unha experiencia cultural e científica para todos os públicos.

Horario previsto do eclipse

🌒19:31 h · Inicio

🌘 20:29 h · Máximo (99,94 % de ocultación)

🌖21:22 h · Fin

A información científica da actividade foi elaborada a partir dos datos do Instituto Geográfico Nacional e revisada coa colaboración do Clube de Astronomía Vega Compostela.

 

Observacións
Actividade gratuíta con inscrición previa.
Recoméndase chegar con suficiente antelación.
As persoas inscritas recibirán lentes homologadas para a observación solar.

Recomendacións para a observación:
- As lentes deberán utilizarse durante toda a observación.
- Non mirar nunca directamente ao Sol sen utilizar as lentes homologadas facilitadas pola organización.
- Non utilizar lentes de sol convencionais.
- Non observar o Sol con cámaras, prismáticos ou telescopios sen filtros solares específicos.
- Recoméndase levar roupa e calzado cómodos, gorra, protección solar, auga e unha prenda de abrigo lixeira para o final da tarde.
- As persoas menores deberán acudir acompañadas por unha persoa adulta.
- A actividade poderá modificarse ou suspenderse se as condicións meteorolóxicas o aconsellan.
- Seguir en todo momento as indicacións da organización, Emerxencias e Policía Local.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA
Para ampliar a información sobre a eclipse e consultar os datos oficiais::
Visor oficial do eclipse solar 2026 (Instituto Geográfico Nacional) https://visualizadores.ign.es/eclipses
Inscribirse
Cartel

Outros eventos por vir