O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Celebramos o 8M coas Fillas Bravas en Penelas

| compartir:

O 8M deste ano contará coas Fillas Bravas de Chévere para axudarnos a contar e poñer en valor as mulleres bravas de Penelas, que son reflexo das mulleres de Teo e do País. Dende o Centro de Información á Muller xunto coas Fillas Bravas fíxose un traballo de investigación cos colectivos sociais de Penelas e coa poboación feminina da aldea. Esa investigación busca recuperar as ilusións, saberes ou coplas das mulleres e poñer en valor a súas historia.

E despois dese traballo inicial durante o mes de marzo organizarase unha andaina teatralizada pola Ruta dos Corgos (Penelas) que comezará na fonte das Seixas e terá un percorrido de 2 quilómetros ao carón do rego da auga para rematar no fondo da aldea. Faremos ese paseo da man das Fillas Bravas e rematarase cunha foliada.

As Rutas do Corgo faranse os seguintes días do mes de marzo e nos seguintes horarios:

  • 12 Marzo: 17.30 horas.
  • 13 Marzo: 12 horas e 17.30 horas.
  • 19 Marzo: 17.30 horas.
  • 20 Marzo: 12 horas e 17.30 horas.

A participación nesta actividade é de balde pero hai que anotarse a través do formulario en liña na axenda da web municipal premendo aquí.

8 M

Na xornada do 8 de marzo publicarase unha declaración institucional. 

Estaba previsto para esa xornada unha Escape room que leva por nome “Elas”, que finalmente se anula e será reprogramada para as vindeiras semanas. Nesta actividade haberá que ir resolvendo pequenas probas ou adiviñas para ir pasando de etapas ata chegar ao final do xogo. Será unha actividade cooperativa na que o enxeño e a intelixencia son as cualidades que precisamos. A temática do xogo centrarase no mundo da muller para que, ademais de divertirnos, poidamos aprender.

Dende o CIM durante o mes de marzo tamén se traballa sobre o 8M nos obradoiros dos colexios e está programado un taller para mulleres que afonda no autocoidado e na atención a unha mesma. Se te queres anotar neste obradoiro no que aínda queda algunha praza podes premer aquí

A primeiros de abril tamén se programará unha excursión de mulleres que se veu realizando en anos anteriores e se tivo que deixar de facer pola pandemia. A data exacta e o resto da información publicarase na web durante o mes de marzo.

 

fillas bravas