O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

As Toupas de Teo asistiron hoxe ao XIV Foro de participación infantil e adolescente celebrado no Parlamento de Galicia

| compartir:

O grupo de participación infantil e adolescente "As Toupas de Teo" asistiu hoxe ao XIV Foro de participación infantil e adolescente celebrado no Parlamento de Galicia. Ainhoa Mallo Boquete, estudante de 2º ESO do IES Rosalía de Castro, foi a encargada de ler o discurso en representación do seu grupo. Estiveron acompañados do concelleiro de Infancia, Juan Jesús Cerqueiro, e da educadora social, Eva López Soto.

Este XIV Foro coincide coa conmemoración do Día Mundial da Infancia, que organizou o Parlamento de Galicia e UNICEF-Galicia. Un dos obxectivos da actividade era que as nenas, nenos e adolescentes representantes dos Consellos Locais de Infancia e adolescencia formulasen propostas concretas aos responsables políticos para mellorar o cumprimento dos dereitos. Así, o discurso de Ainhoa centrouse no dereito á protección e a vivir seguros/as, abordando a necesidade de “contar con máis recursos e profesionais que teñan tempo para escoitar e apoiar”. Ainhoa presentou ademais unha iniciativa novedosa para facer as rúas máis seguras: “instalar cabinas telefónicas infantís que permitan pedir axuda en caso de urxencia, se algún neno ou nena se perde ou se sente en perigo, xa que a seguridade e a libertade de desprazamento son importantes para que poidamos medrar con autonomía e confianza”.

No acto, os outros 16 Consellos Locais de Infancia e Adolescencia afondaron no recoñecemento doutros dereitos traballados ao abeiro do lema da campaña que UNICEF lanzou este ano #EstamosAquí, e coa que se pretende escoitar as opinións de quen teñen moito que dicir sobre o mundo que queren construír. As súas voces foron escoitadas pola representación institucional que correu a cargo da presidenta de UNICEF-Comité Galicia, representantes dos grupos Parlamentarios, da conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e do presidente do Parlamento de Galicia. 

Para conmemorar este Día Mundial da Infancia, esta noite iluminarase a fachada do Concello.

 

FOTO