O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Publícase a oferta das escolas deportivas para o curso 2020-21

| compartir:

O curso 2020-21 será un curso especial para a práctica deportiva e as escolas e actividades necesitan adaptar os seus protocolos para axustarse á realidade sanitaria que exista en cada momento.

Así, este ano haberá novidades en canto ao número de actividades, necesariamente reducidas por mor dos espazos que se empregarán, e tamén o número de prazas de cada actividade. Existirá, así mesmo, un seguimento das normas que se vaian ditando durante o curso para cumprir coa normativa sanitaria vixente.

O prazo de inscrición comezará o 15 de setembro e estenderase ata o vindeiro 23 do mesmo mes, data na que estarán dispoñibles as fichas de inscrición fisicamente na Casa do Concello e a través desta web municipal. Así mesmo se algunha actividade excede o número da súa oferta, as prazas serán sorteadas publicamente. As listaxes provisionais publicaranse o 25 de setembro e nelas aparecerán, de ser o caso, as actividades nas que sexa necesario realizar un sorteo.

A matrícula en cada escola terá un custo de 60 euros anuais que se poderá dividir en tres pagamentos durante o curso. Así, o primeiro destes pagamentos debe realizarse do 25 de setembro ao 5 de outubro.

15 disciplinas deportivas nas escolas deportivas para a mocidade e 4 para as persoas adultas

A programación de escolas deportivas municipais de Teo para este curso chega ata as quince modalidades diferentes, que se impartirán en diversas instalacións nos Tilos, na Ramallosa, en Calo, Cacheiras e Rarís, así como na piscina municipal cuberta da Ramallosa.

No pavillón dos Tilos desenvolveranse escolas de patín, atletismo e tenis en niveis iniciación e avanzado. Tamén nos Tilos, o Centro deportivo CJC acollerá as escolas de aeróbic e ximnasia para persoas adultas, o Club Family Os Tilos a de pádel, o Club San Francisco a de judo e karate. A escola de xadrez terá lugar na Casa Común dos Tilos.

Xa na Ramallosa, o pavillón Ezequiel Mosquera empregarase para escolas de patín, minitenis, aeróbic, e tiro con arco.

A piscina municipal climatizada acollerá as clases de natación para infantís e persoas adultas e as actividades de ximnasia na auga (pool gym) e aquaeróbic (pool dance), e as actividades en sala de heroican cross,  be trx, be gap, be core, zumba, body ppump, body balance, bike, body step, ioga, pilates, hipopresivos, ritmos latinos e kickboxing.

En Calo programáronse actividades de patín, baloncesto, tenis de iniciación e avanzado, taekwondo e kickboxing nas escolas e ximnasia, aeróbic e tenis para persoas adultas no pavillón polideportivo.

Cacheiras acollerá as clases de de rugby e fútbol americano no campo de fútbol, as de skate no IES, as de taekwondo en Cross Class e para persoas adultas ximnasia na Casa Común da Torre.

A Casa Común de Rarís programa aeróbic para persoas adultas.

Tanto as actividades propostas, como os horarios da programación do curso 2020/2021, son orientativas xa que están a expensas dos protocolos e normas sanitarias que se teñan que aplicar no momento da súa realización.

Máis información no Departamento de Deportes, na páxina web www.teo.gal e nos Facebook de Deportes e do Concello.

Descarga aquí a ficha de inscrición das escolas deportivas para rapaces 

Descarga aquí a ficha de inscrición das escolas deportivas para adultos 

Podes consultar a convocatoria das escolas deportivas, listaxes de persoas admitidas, prazo de pagamento...

Lembra que tamén se fixeron públicas as escolas culturais, as cales podes consultar aquí.