Xa está dispoñible a oferta das escolas deportivas e culturais para o vindeiro curso

26-08-2019
pelotas

As actividades deportivas e culturais para o curso 2019-2020 xa está dispoñible para a consulta polas persoas interesadas co fin de facilitar a xestión temporal destas. O prazo de inscrición comezará o 2 de setembro e estenderase ata o vindeiro 14 do mesmo mes. Así mesmo se algunha actividade excede o número da súa oferta as prazas serán sorteadas publicamente.

A matrícula en cada escola terá un custo de 60 euros anuais que se poderá dividir en tres pagamentos durante o curso correspondentes a cada trimestre do mesmo. Así o primeiro destes pagamentos debe realizarse do 21 ao 27 de setembro.

 

Máis de vinte escolas deportivas en 2019-2020

A programación de escolas deportivas municipais de Teo para o curso 2019-2020 supera as vinte modalidades diferentes, que se impartirán en diversas instalacións nos Tilos, na Ramallosa, en Calo e en Cacheiras.

No pavillón dos Tilos desenvolveranse escolas de patín, baloncesto, atletismo, e tenis en niveis iniciación e avanzado. Tamén nos Tilos, o Club Family acollerá as escolas de aeróbic e de pádel e o San Francisco a de judo. A escola de xadrez terá lugar na Casa Común dos Tilos.

Xa na Ramallosa, está prevista a escola de bicitrial. O pavillón Ezequiel Mosquera empregarase para escolas de patín, minitenis, psicomotricidade, aeróbic, tiro con arco e ciclismo.

A piscina municipal climatizada acollerá as clases de natación (dirixidas a nados/as do 2008 ao 2015) e as actividades de heroican júnior e kids, iniciación ao fitness e dance. En Calo programáronse actividades de patín, tenis de iniciación e avanzado, taekwondo, psicomotricidade, aeróbic, karate e kickboxing no pavillón polideportivo.

Cacheiras acollerá as clases de billar no Club de Billar, as de rugby e fútbol americano no campo de fútbol e as de skate no IES.

Pola súa parte, a programación de actividades para persoas adultas inclúe aeróbic, pilates e ximnasia no pavillón dos Tilos e no colexio dos Tilos; aeróbic na Casa Común de Rarís; ximnasia nas Casas Comúns de Lampai e da Torre; tenis, aeróbic, ximnasia e pilates no pavillón de Calo; tiro con arco no pavillón da Ramallosa; fútbol americano e flag football no campo da Cañoteira; e billar no Club de Billar en Cacheiras. A liga de fútbol sala e as actividades de Aspamite desenvolveranse tamén no polideportivo de Calo.

 

Ampla variedade na oferta de formación cultural

As escolas municipais de cultura, que como as deportivas abren o seu prazo de inscrición o 2 de setembro, incorporan diversos grupos de artes plásticas na escola do Ameneiro (Calo) e na escola de Tras do Eixo (Cacheiras).

As propostas de teatro e danza contemporánea terán lugar no Auditorio Constante Liste da Ramallosa. As clases de guitarra desenvolveranse na Casa Común dos Tilos, en niveis básico e medio. A Casa Común Marisa Mirás, en Calo, acollerá as escolas de precirco.

En canto á informática, organízase unha escola de programación en dous grupos de idade na Aula de Informática do Auditorio Constante Liste.

AVISO SOBRE ERROS NO FOLLETO INFORMATIVO DA PROGRAMACIÓN DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E CULTURAIS

No folleto informativo da programación das escolas deportivas e culturais para o curso 2019/20 téñense advertido dous erros. 
Na programación da piscina da Ramallosa os cursos de natación son SEMPRE para nados/as dende o 2008 ata o 2015. No horario do martes de 16:15 a 17:00 horas recóllese por erro que está dirixido a nados/as dende o 2008 ata o 2019. Sen embargo e só para nados/as ata o 2015. 
Respecto da actividade de Danza contemporánea este ano será no Auditorio Municipal Constante Liste na Ramallosa os venres de 16:00 a 17:00 horas en lugar de na Casa Común de Cacheiras os xoves de 16:00 a 17:00 horas como recolle o folleto. Desculpen as molestias.

 

Para información máis detallada sobre estas actividades pode contactarse co Departamento de Deportes en deportes@teo.gal, co de Cultura en cultura@teo.gal ou chamando ao teléfono do Concello de Teo, 981 815 700.

 

Ficha das escolas culturais con información de interese

Ficha das escolas deportivas con información de interese

Ficha de actividades deportivas para persoas adultas

Ficha das actividades deportivas de adultos e escolas culturais e deportivas