O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo recibe o recoñecemento Cidade Amiga da Infancia outorgada por Unicef

| compartir:

O Concello de Teo vén de recibir a comunicación oficial de Unicef conforme, na reunión celebrada o 25 de outubro de 2018, a Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a UNICEF Comité Español; Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), acordou galardoar ao Concello de Teo co Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022.

Podes consultar aquí a acta da Secretaría Permanente do Programa Amigas da Infancia.

Deste xeito recoñécese o traballo realizado dende o Departamento de Benestar, coordinado polo concelleiro Ignacio Iglesias, coa mocidade e infancia de Teo. Neste último ano e medio tense realizado unha labor de análise das demandas e necesidades deste colectivo, para a continuación comezar a traballar da súa man e poder realizar proxectos como a campaña de seguridade viaria que se lanzou o pasado mes de xuño. Iglesias destaca que "este traballo ten que concretarse nun concello máis amigable para a infancia e adolescencia, onde escoitemos as súas demandas e ademais de escoitalas as executemos na medida das nosas posibilidades". O recoñecemento que recibe hoxe Teo para o período 2018-2020 "é un recoñecemento para o Concello e unha garantía para o benestar da infancia e adolescencia" destaca o concelleiro de Benestar.  O galardón entregarase nun acto en Oviedo o próximo 27 de novembro.

Unicef valora que a estratexia de traballo coa infancia das entidades recoñecidas atenda aos seguintes obxectivos:

  1. Cada neno e nena é valorado, respetado e tratado xustamente dentro da súa comunidade.
  2. As voces, necesidades e prioridades de cada neno e nena escóitanse e considéranse nas normativas e políticas públicas, nos orzamentos e en todas as decisións que lles afectan.
  3. Todos os nenos e nenas teñen acceso a servizos esenciais de calidade.
  4. Todos os nenos e nenas viven en entornos seguros e limpos.
  5. Todos os nenos e nenas teñen a oportunidade de desfrutar da vida familiar, o xogo e o ocio.

Traballo do CLIA en Teo

Teo conta dende primeiros de ano cun Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) no que participan nenos e nenas dos colexios de primaria e do IES. A través deste organismo estase traballando en darlles participación. Unha das actividades máis destacadas impulsadas dende o Consello foi unha campaña de seguridade viaria con varios vídeos deseñados e elaborados coa súa participación. Podes ver os vídeos premendo aquí.

Teo tamén foi convidado a participar no V Encontro de Consellos de Participación Infantil e Adolescente celebrado en Oviedo en maio pasado. E recentemente representantes do Concello e do CLIA participaron nas II Xornadas Formativas do Programa Cidades Amigas da Infancia de Unicef en Galicia.

 Podes ver a campaña de seguridade viaria impulsada polo CLIA de Teo premendo aquí

Programa cidade amigas da infancia

O programa Cidade amigas da infancia, que lidera Unicef Comité Español dende o ano 2002, en alianza co Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), busca contribuír a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes mediante a promoción e a implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.

campaña seguridade viaria