O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Máis de 700 persoas participarán en Teo na carreira Batalla de Cacheiras

| compartir:

A carreira popular Batalla de Cacheiras, que se celebra mañá 21 de abril en Teo, supérase cada ano. Nesta edición contamos con 612 inscritos para a carreira e máis de 100 persoas anotadas na andaina. Máis de 700 persoas reuniranse ao redor do deporte nunha cita que lembra os feitos históricos da batalla de Cacheiras, o 23 de abril de 1846. 

A carreira absoluta ten un trazado moi duro de nove quilómetros dende Bamonde ata o alto de Montouto. Pero máis alá desta carreira que atrae a numerosos afeccionados/as ao deporte dende a Concellaría de Deportes programouse unha xornada intensa que comeza pola mañá coas carreiras dos escolares. 

As categorías infantís correrán no parque dos Tilos. Dende as 10:30 horas no parque dos Tilos celebraranse as carreiras das categorías infantís: peques, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Entre as 10:30 e as 11:30 horas realizaranse estas carreiras que van dos 150 metros aos 2.200 metros. Durante a mañá na zona dos Tilos haberá animación, o mercado do alimento labrego e mesmo unha solta de libros. A entrega de premios farase a partir das 12:15 horas. 

Carreira absoluta

Xa pola tarde, ás 17:30 horas sairá de Bamonde a carreira popular na que participan as seguintes categorías: SUB 20; SUB 23; sénior e máster. A saída farase dende a rectoral de Bamonde e a chegada estará no mirador natural de Pena Escorredía, no lugar no que se librou a Batalla de Cacheiras o 23 de abril de 1846. A proba deportiva ten un percorrido que remata nunha subida cunha importante pendente. Na meta está o monumento no que se inscribirán os nomes dos gañadores da categoría absoluta de cada edición. A entrega de premios está prevista para as 18:45 horas. 

Co mesmo percorrido de nove quilómetros farase unha andaina que sairá ás 16:30 horas e na que están anotadas 112 persoas. 

A recollida de dorsais estará aberta a partir das 09.00 h a carón da piscina municipal dos Tilos para todas as categorías escolares e ata trinta minutos antes da súa proba e no punto xeodésico de Montouto (liña de meta) a partir das 15.30 horas e ata 30 minutos antes da proba para as categorías absolutas. Para a andaina recóllense a partir das 15:00 horas no lugar da meta (alto de Montouto). 

Os autobuses para a andaina sairán as 16.15 cara o punto de saída. Os da carreira entre as 16,15h e as 17.05h.

Os/as atletas adultos/as e participantes na andaina serán trasladados en autobús ata o punto de saída, na parroquia de Bamonde, saíndo ás 16.15 horas os autobuses para a andaina e entre as 16.15 e as 17.05 h os da carreira absoluta.

Haberá servizo de duchas a disposición dos e das atletas nas instalacións da Piscina Municipal dos Tilos para as carreiras escolares e no pavillón dos Tilos para á carreira absoluta.

Esta carreira pedestre Batalla de Cacheiras recuperará como a pasada edición a tradición de conmemorar os acontecementos sucedidos o 23 de abril de 1846, xa que a súa proba absoluta e andaina discorrerán polos camiños por onde as tropas do xeneral de La Concha avanzaron para enfrontarse ó exercito sublevado liderado polo xeneral Solís. Camiños cheos de historia, de cultura, de paisaxe e arquitectura popular que atravesan as parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras no Concello de Teo. Unha ruta lineal que comeza ó pé da reitoral de Bamonde e rematará no cumio de Montouto.  

A carreira popular Batalla de Cacheiras forma parte do VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. 

Información sobre o teu dorsal premendo aquí

carreira

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
REGULAMENTO CARREIRA PEDESTRE 2018.pdf 509.98 KB