"Benvidos e benvidas. Esta páxina web do Concello de Teo pretende ser unha prolongación do lugar onde ducias de persoas traballan cada día coa finalidade de entre todas construír un fogar común no que vivir."

Esta páxina ten, polo tanto, vocación de converterse nunha fiestra aberta que permita mirar dentro da casa para estarmos informados e informadas de todo o que acontece no seu interior e tamén, para facilitar a curto e medio prazo todas aquelas xestións vencelladas á vida municipal.

Este é, polo tanto, o principal motor da páxina web municipal: informar e dar servizo. Informar profesionalmente como aposta pola transparencia e non pola propaganda, para incentivar a opinión e a participación da cidadanía no seu contorno máis inmediato. Dar servizo, como fórmula de achegar a administración a todos os fogares do concello, que a día de hoxe empregan na vida cotiá as novas tecnoloxías sen esquecer os futuros usuarios e usuarias.

Intentamos buscar un formato de páxina transparente, accesíbel e doadamente manexábel. Sabemos que todo é susceptíbel de melloras pero coido que podemos estar contentos/as co traballo feito e coa ferramenta que a partir de agora adoptamos.

Queda o máis importante. O uso que todas e todos vós poidades facer deste portal municipal. Tan só así teremos asegurada a finalidade do mesmo porque un concello, e todo o que implica, sen a cidadanía non deixa de ser unha caixa baleira de contido.

Pasade pois, esta é a vosa casa"