O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Presentado o III Festival galego de teatro escolar do IES de Cacheiras

| compartir:

Esta mañá presentouse no Salón de actos do IES de Cacheiras o III Festival de teatro escolar do IES de Cacheiras, que se celebrará o sábado, 20 de abril , na carballeira de Luou e no Auditorio Constante Liste da Ramallosa. Este evento está organizado pola Aula de Teatro do IES de Cacheiras, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Departamento de Vicedirección e Actividades Extraescolares e conta coa colaboración do Concello de Teo e da Asociación Cultural A Mámoa de Luou. 


Na presentación participaron a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; a concelleira de Educación, María Vázquez; a concelleira de Cultura, Margarita Rosende; a directora do IES de Cacheiras, Olga Simón Cruz ; a vicedirectora, Trinidad Pazos Celis; o alumnado de Educación Secundaria que protagoniza o roteiro e a actuación, así como os profesores e directores da Aula de Teatro, Antonio Fuentes Paredes, Xosé Eixo Branco e Afonso García Penas.


Participarán nesta xornada cultural máis de cento corenta actores e actrices de tres aulas de teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Teo, Palas de Rei e Touro). O programa deste Festival é o seguinte: Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na carballeira de Luou que estará protagonizado pola Asociación Cultural A Mámoa, alumnado, familias, veciñanza e profesorado do instituto.

Un roteiro teatral no que percorrerán lugares significativos de Luou ao tempo que lembran a historia máis antiga e a recente. A mámoa de Trasellas serve de escenario da lenda e dá pé a coñecer estes monumentos megalíticos e os primeiros asentamentos. Camiñarán pola Horta do Cura e par da igrexa mergullaranse na devoción a Santa Margarida, na tradición, na fonte que tantos males lavou e lava; avogosa ela das doenzas das da pel. Ao pé do cruceiro lembrarán as orixes do “Sindicato de Agricultores y Ganaderos de Luou”, a construción do seu edificio coa inestimable achega e axuda dos emigrantes do lugar. Xa dentro do edificio recordarán a creación da “Biblioteca Popular de Luou” pola Sociedade de Residentes de Luou en Bos Aires e do museo pedagóxico, as escolas, os materiais que para eles traían dende aló co obxectivo de “difundir a cultura e o desenvolvemento da educación popular do noso pobo de orixe”; a ruptura que supuxo no envío destes materiais a guerra civil e o abandono. Ata que en 1968 xorde o Teleclub e as súas veladas teatrais, e xa a nova vida e actividade nos anos oitenta coa Asociación Cultural A Mámoa. Neste percorrido homenaxearase a persoas activas culturalmente como Ramón Parajó e a moi querida por todos Encarnación da Cantina.


Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a posta en práctica dunha educación inclusiva e adaptada á diversidade do alumnado. O punto de partida será A Carballeira de Luou.


Ás 19:30 horas, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, a aula de teatro do IES de Cacheiras, o obradoiro municipal de teatro de Palas de Rei e a aula de teatro do CPI Fonte Díaz de Touro porán en escena o espectáculo Á Luz das Candeas. Esta obra presenta desde unha perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas historias que invitan á reflexión sobre valores como a cultura da paz, a inclusión, o respecto ao medioambiente, a solidariedade, a integración, a igualdade… Trátase dun espectáculo vertebrado ao redor das historias que varias persoas maiores do rural lle relataron ao alumnado e que este teatralizou.


Este traballo coral e interxeneracional establece unha defensa das relacións humanas baseadas no diálogo, o respecto, a humildade e pon de manifesto a empatía con aqueles que sofren. Trátase, asemade, dun espectáculo que pretende alentar ao desfrute dos sentidos e amosar un mundo que baila, que soña, que ri, que vibra de emoción… pero que moitas veces non percibimos por non mirar con outros ollos. Arriba o pano!!!


Este Festival permite que o alumnado das tres aulas de teatro interactúe, comparta situacións de aprendizaxe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2023/24 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 7 de marzo no Teatro Principal de Ourense, continuou en Touro e Palas de Rei o 16 de marzo e o 13 de abril respectivamente e proseguirá en Muros, Ames, Sestao e Bruxelas.

 

foto