O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello aproba inicialmente os orzamentos de 2024 que ascenden a máis de 18 millóns de euros e que se centran nas necesidades da veciñanza

| compartir:

O Concello aprobou inicialmente esta tarde no primeiro Pleno do ano os seus orzamentos para 2024, que contemplan un montante total de máis de 18 millóns de euros (18.186.251). Uns presupostos que se axustan á situación real do municipio, ordenados e centrados nas necesidades e no benestar da veciñanza.

Desta forma, os novos orzamentos do Concello -que levaban máis de dous anos coas prorrogadas por parte do anterior Executivo- apostan polo acondicionamento das infraestruturas de titularidade municipal que a día de hoxe se encontran en moi mal estado. Precisamente, do montante total, máis de 1,5 millóns de euros -a partida máis importante- terá como destino os investimentos en infraestruturas.

Concretamente, priorizarase o asfaltado e mellora estrutural de estradas e vías públicas, que inclúe achegas municipais aos plans POS, POS Plus e Fondos Next Generation da Unión Europea. De feito, neste mes de xaneiro xa se iniciaron diversas obras por importe de case un millón de euros, entre elas a humanización da aldea de Cachóns, con cargo a plans anteriores que aínda non foran executados.

Nese mesmo apartado, cómpre salientar tamén actuacións para a ampliación e modernización da rede de sumidoiros, así como outras obras de infraestruturas básicas que procuran a mellora da calidade de vida da veciñanza e contrarrestar as diferenzas entre a zona urbana e a rural.

Dentro dese capítulo para a mellora dos servizos fundamentais en prol dos veciños, prevese así mesmo a licitación de contratos municipais pendentes de regularización. Trátase de licitacións que, nalgún caso, levan máis de oito anos en situación irregular, e que inclúen servizos tan importantes como o do lixo, o de telecomunicacións, ou os xurídicos, entre outros.

Igualmente, na procura do benestar dos veciños e veciñas de Teo, os orzamentos de 2024 contemplan a conxelación de todos os impostos de titularidade municipal, co fin de que estes non se convertan nunha carga máis para eles e aliviar, dese xeito, os petos dos teenses.

Conciliación e acción social

As novas contas inclúen ademais melloras en materia de conciliación e acción social. De feito, xunto a continuación da mellora das infraestruturas, habilitaranse máis prazas e máis actividades, tanto para os maiores, como para os máis pequenos. Nese senso, xa se están a executar arranxos nas tres escolas infantís municipais, para mellorar a calidade do servizo e para que todos os nenos e as nenas de Teo dispoñan dunha praza nelas.

No tocante á conciliación, o Goberno local aposta nos seus orzamentos por reforzar os programas para conxugar a vida familiar e laboral nas épocas non lectivas. Nesa liña, nos últimos programas de Nadal e de verán xa foron aceptadas todas as solicitudes presentadas, co fin de facilitarlle ás familias a súa organización neses períodos de vacacións escolares. Así, o obxectivo é que ninguén quede fóra desas actividades, sempre e cando reúna os requisitos propios de cada unha das convocatorias.

En canto ao Servizo de Atención Temperá, que actualmente conta cun psicólogo, unha terapeuta ocupacional e dúas logopedas, contémplase a necesidade de ampliar as prazas ofertadas, que actualmente se sitúan no contorno das corenta. Para tal fin, reforzarase o dito servizo, que permite atender ás nenas e nenos de entre 0 e 6 anos que presentan algunha dificultade no seu desenvolvemento, particularmente na área da linguaxe e da comunicación, na que se estaba a concentrar a maior demanda.

Por último, vaise dotar o Fondo de Acción Social, xa que o anterior Goberno consignara orzamento para os funcionarios e laborais, e non para os traballadores subrogados, malia a existencia dun acordo plenario para levalo a cabo. Tamén, reordenarase o persoal municipal a través dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), tanto para funcionarios, como para persoal laboral, proxectando un Plan de Riscos Laborais, tamén inexistente ata o de agora, a pesar de que é obrigatorio por Lei. E porase o acento na seguridade do municipio, mediante o reforzo da Policía Municipal, que pasará de 9 a 11 prazas de axentes.

Aposta polo tecido empresarial, turístico e patrimonial

Para este 2024, os orzamentos municipais prevén accións de apoio ás empresas e ao comercio local, co fin de promover e impulsar a súa actividade, reforzando ao mesmo tempo o consumo dos produtos de proximidade.

Así mesmo, intensificaranse as actuacións para a promoción turística e a posta en valor do patrimonio cultural do municipio. De feito, no próximo mes de febreiro presentarase unha ampla axenda de actividades que permitirá á veciñanza desfrutar en Teo, sen que supoñan un maior gasto para as arcas públicas do Consistorio.

O Goberno local aposta tamén pola restauración e conservación do seu rico patrimonio etnográfico. Así, seguirase revisando a rede de cruceiros que existe no municipio -entre outras infraestruturas-, poñendo en valor para os veciños e os visitantes do concello a súa importancia e singularidade. Nesa liña, a finais de 2023 xa se procedera ao arranxo do cruceiro de Ameneiro e, en breve, procederase á rehabilitación do Peto de Ánimas, en Cacheiras.

Redución da débeda e da morosidade

Tras realizar unha notable limpa da rémora existente nas arcas municipais, cunha débeda viva que neste momento segue elevándose ata os 3,1 millóns de euros, os novos orzamentos servirán para ir limando ese débito, fuxir da aínda copiosa morosidade e dar novos pasos cara á racionalización e redución de gastos superfluos e excesivos.

Por exemplo, as novas contas de Teo prevén neste 2024 a rebaixa do pago innecesario de alugamentos, racionalizando o parque de vehículos e eliminando rentings e gastos fixos desmesurados.

foto