O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Mellora da accesibilidade e da seguridade en 35 paradas de autobús no Concello

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na supervisión dos traballos que se están levando a cabo en dúas paradas situadas no núcleo de Cacheiras, co fin de mellorar a súa accesibiidade e seguridade. Estas dúas forman parte das 35 paradas que se van a mellorar e cuxos traballos se prevé ter rematados no mes de maio. 

Así, estes traballos englóbanse nas obras de mellora da accesibilidade de 63 paradas de autobús en estradas autonómicas na zona sur de Santiago que está a desenvolver a Xunta cun investimento de 1,8 M€, acadan xa o 25% de execución.

Estas tarefas forman parte dun contrato maior que inclúe a mellora da accesibilidade e a seguridade en distintas paradas de estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra.

Na actualidade están en execución actuacións en paradas na AC-841, concretamente nos Tilos, no Parque Montouto, en Montouto ou en Cacheiras, todas no municipio teense que hoxe visitou o director da Axencia Galega de Infraestruturas. 

Estas intervencións da Xunta están a levarse a cabo no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas: AC-543, AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC-841 e AC-960. 

Estas obras nas paradas avanzan a bo ritmo e segundo vaian finalizando, iranse poñendo ao servizo dos usuarios do transporte público, que verán melloradas as súas prestacións. As intervencións consisten no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. 

Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Ademais acométense melloras da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

Este proxecto forma parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

 Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

foto