O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O presidente da Deputación presenta en Teo o proxecto de construción dunha variante na estrada DP8202 ao seu paso por Cacheiras

| compartir:

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou hoxe no Concello de Teo o proxecto de ampliación da estrada e mellora do trazado da DP8202, que mellorará a seguridade viaria na zona Galanas a Cacheiras, concretamenta eliminará o trazado da zona da igrexa.

O presidente provincial foi recibido á súa chegada ao concello polo alcalde, Rafael Sisto, a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, os deputados de Economía e Promoción Económica, Antonio Leira e José Luis García, e membros da corporación local, cos que mantivo unha reunión na que se abordaron as distintas actuacións e investimentos da Deputación no municipio.

González Formoso, acompañado dos enxeñeiros do departamento de Vías e Obras da institución provincial, explicou os detalles do proxecto para a DP 8202, que consistirá na construción dunha nova variante en Cacheiras, entre os puntos quilométricos 3+000 e 4+240, que contará cun tramo de 1,2 quilómetros no que a estrada se dotará de 9 metros de ancho e que contribuirá a mellorar notablemente a seguridade vial na zona da igrexa e da escola infantil.

O alcalde de Teo agradeceu ao presidente da Deputación o seu interese por "unha cuestión fundamental para o municipio, como é a mellora das estradas" e subliñou que este era un proxecto "moi demandado pola corporación  local, debido á perigosidade dunha dobre curva existente na zona". A Deputación tratará de eliminar este punto negro a través da actuación presentada hoxe, cuxo orzamento inicial ascende a 316.336,52 euros.

González Formoso explicou que esta actuación se abordará á maior brevedade posible, polo perigo que supón o tráfico que pasa moi preto das vivendas, aínda que para a execución das obras será necesaria a expropiación de terreos. Así mesmo adiantou que o proceso administrativo de licitación da Deputación era lento polo que se prevé que a execución dos traballos non se realizará antes de dous anos.

O presidente do ente provincial tamén se achegou na liña municipal TeoBus á zona das curvas do Aido (Luou), na estrada provincial DP0205. Os representantes municipais destacaron a necesidade de acometer obras tamén de ampliación desta estrada, que arrastra problemas de seguridade viaria similares á de Cacheiras.

Outro dos temas que se abordaron durante a reunión entre o presidente provincial e a corporación local de Teo foi o novo Plan Único, mediante o cal a Deputación invistirá un total de 1.164.962,80 euros no concello este ano. O alcalde de Teo, Rafael Sisto destacou este novo plan da Deputación coma "unha aposta pola autonomía municipal que valoramos positivamente" e solicitou que "non diminúan os investimentos con respecto aos efectuados en anteriores exercicio".

Asemade, Formoso apuntou que os 74 millóns do Plan Único veranse incrementados coa incorporación dos remanentes do orzamento do ano pasado, polo que "a Deputación seguirá mantendo o importante ritmo inversor impulsado nos últimos dous anos"

Grazas aos fondos provinciais do Plan Único, o concello de Teo poderá mellorar diversas estradas coma os viarios municipais en Casal, Recesende, Rial do Mato, Rarís, Monte, Lamas, Vilar de Arriba, Constenla e San Xoan de Calo. Así mesmo, o goberno municipal decidiu dedicar parte da achega da Deputación en outros investimentos financeiramente sostibles coma a mellora do saneamento en A Ínsua (Luou), a construción de sendas peonís en Calo e Os Tilos e a reurbanización do núcleo de Ribas. O Concello de Teo tamén acordou asignar 60.700 euros do Plan Único á redución da débeda con entidades financeiras e sanear así as contas municipais. 

Novo espazo de lecer en Os Tilos

Valentín González Formoso, acompañado polo alcalde de Teo e varios técnicos municipais, aproveitou a súa visita ao concello para inspeccionar a zona onde se vai a ampliar a estrada DP8202 en Cacheiras. Así mesmo, o presidente provincial interesouse por coñecer outras obras financiadas pola Deputación no municipio, coma o acondicionamento dun novo espazo de lecer en Os Tilos, financiado con 145.149,72 euros do Plan de Acción Social (PAS) provincial.

As obras, que avanzan a bo ritmo de execución, consistirán na construción dunha nova infraestrutura cuberta na Praza Circular, que se utilizará para a realización de actividades e coma espazo de ocio para os preto de 3.000 veciños que viven nesta zona residencial. Deste modo, impedirase que a oferta cultural e de lecer, coma feiras, mercados, actuacións ou festas, se cancelen debido ás inclemencias climáticas.

A nova infraestrutura contará cun "carácter escultural que permitirá unha axeitada integración no entorno", segundo explicaron os responsables da obra. A través dunha estrutura lixeira e dun lucernario superior estratéxicamente situado para permitir a entrada de luz solar, o espazo estará aberto á praza e iluminarase de maneira natural.

Complementariamente, tamén se mellorará o resto da praza realizando unha nova plantación de árbores e reubicarase o mobiliario urbano existente, adaptándoo á presenza da nova cuberta. Así mesmo, repavimentarase o centro da praza, onde se atopan diversos parterres en mal estado, para permitir o desenvolvemento de actividades con seguridade.

Visita presidente Deputación