O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O TeoBus comeza a circular na primeira semana de abril

| compartir:

Dende primeiros de abril comeza a funcionar o TeoBus, a liña interna de transporte do Concello de Teo. Este servizo municipal de mobilidade deseñouse para pasar polo máximo número posible de parroquias e achegar a poboación a puntos de interese como a propia Casa do Concello, centros de saúde, a piscina municipal e tamén os corredores da AC-841 e N-550. Nestas vías principais os/as viaxeiros/as poderán trasbordar con outras liñas de transporte que conectan con Santiago. Ademais durante a primeira semana as viaxes serán de balde de cara a animar á cidadanía a que poida coñecer o servizo e o percorrido.

O TeoBus é unha vella reivindicación municipal, xa que se considerou un instrumento imprescindible de vertebración do Concello e un xeito de minimizar os problemas de trasnporte público. A liña interior é un instrumento que a Xunta lle permitiu desenvolver aos Concellos a través do Convenio do Transporte Metropolitano. Deste xeito dende os Concellos podíase deseñar as liñas interiores que lle interesaran asumindo o coste total do servizo.

O custe da liña interior de Teo está orzamentado en 136.000 euros anuais. Este será o coste sen un só viaxeiro, polo que dese importe de descontarán os ingresos dos billetes. Segundo explica a concelleira de Mobilidade, Conchi García, a rendibilidade do servizo "hai que valorala en termos de utilidade para a cidadanía e non dende un punto de vista económico".

Esta liña é un dos temas nos que o goberno municipal leva traballando de xeito moi intenso. E aínda que tivo numerosos atrancos administrativos por parte da Dirección Xeral de Mobilidade hoxe é unha realidade da que se poderá beneficiar a cidadanía teense.

Paradas

O autobús, rotulado como TeoBus Servizo de mobilidade municipal, comezará a circular dende o próximo 3 de abril. Haberá dúas rutas alternas, dunha hora total de traxecto, unha en sentido das agullas do reloxo e outra á inversa. Cada dúas horas, pois, repítese a ruta no mesmo sentido. O servizo funcionará de luns a venres.

Ruta1: Percorrerá as seguintes zonas Ramallosa-Xulgado, Oza, Cacheiras, A Pedra, Solláns, Calo, Luou, Ramallosa-Xulgado). Saídas ás 07:20 horas; 09:20 horas; 11:20 horas; 13:20 horas; 15:20 horas; 17:20 horas e 19:20 horas.

Ruta2: (Ramallosa-Xulgado, Luou, Calo, Casalonga, As Galanas, Solláns, Cacheiras, Oza, Ramallosa-Xulgado). Saídas ás 08:20 horas; 10:20 horas; 12:20 horas; 14:20 horas; 16:20 horas; 18:20 horas e 20:20 horas.

Podes consultar a listaxe de paradas completas premendo

Consulta aquí os horarios de cada parada

Canto custa o billete?

O billete normal, sen tarxeta do transporte metropolitano, custa 1,50 euros. coa tarxeta, que se pode mercar nas oficinas de Abanca, baixa a 0,85 euros. A tarxeta permite transbordos a outros servizos do transporte metropolitano. O primeiro transbordo é de balde.

Sobre o prezo do billete existen bonificacións municipais do 50% para maiores de 65 anos, persoas con discapacidade, estudantes ata os 25 anos e persoas desempregadas. A Xunta tamén ofrece gratuidade para os/as menores de 18 anos e condicións especiais para familias numerosas.

teobus vertical 1

teobus vertical 2
TeoBus

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
Folleto_TeoBus_Vertical.pdf 823.49 KB