O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

RAFA SISTO E UXÍA LEMUS PRESENTAN O ACORDO DE GOBERNABILIDADE PARA TEO CUN PROGRAMA DE CORTE SOCIAL E PROGRESISTA

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafa Sisto (Son de Teo-Anova) , e a concelleira do PSdeG-PSOE presentaron esta mañá en rolda prensa o acordo de gobernabilidade para o Concello de Teo para os próximos catro anos. Un acordo para un goberno progresista cun programa de corte social que responde ás necesidades básicas e fundamentais da sociedade, segundo explicaron.

Os dous representantes destacaron ademais que durante as negociacións houbo “unha aposta xenerosa por ambas partes na que se negociou e se consensuou un goberno e un programa”. O fomento do emprego e as políticas de benestar son dous piares fundamentais deste pacto de estabilidade.

 

Rafa Sisto explicou que na negociación “buscamos os puntos de encontro e formar un goberno no que todos sexamos partícipes das decisións xa que as teremos que defender diante da cidadanía”. O acordo “baséase nunha estrutura de xestión e nun programa”. Uxía Lemus destacou como prioridades deste goberno “as políticas de emprego, o centro de día que a Xunta lle debe aos teenses, a sostibilidade como un elemento transversal xa que queremos que Teo sexa un referente na política medio ambiental ou a a seguridade viaria”.

 

Os dous coincidiron en destacar que se trata dun acordo “das forzas que gañamos as eleccións, forzas de esquerdas con prioridades e principios nos que coincidimos” explica Rafa Sisto.

 

O goberno de Teo terá seis grandes áreas de xestión. Da alcaldía dependerá economía e facenda, medio natural (no que se inclúe a xestión do ciclo da auga), lingua, persoal e comunicación. A área de Urbanismo dependerá directamente do PSdeG-PSOE xa que Uxía Lemus encargarase de Urbanismo, Vivenda e Sotibilidade (PXOM, disciplina urbanística, vivenda, obras de urbanización, sostibilidade) e Roberto Moñino de Infraestruturas (Plans provinciais de infraestruturas e plans especiais de colaboración con outras administracións). A propia Uxía Lemus destacou que a elección desta concellaría vén motivada “polos nosos perfís profesionais, centrados no urbanismo”.

 

A área de Benestar será responsabilidade de Ignacio Iglesias e recolle os servizos sociais, escolas infantís, igualdade, conciliación, voluntariado, participación veciñal entre outras. Salomé Beiroa encargarase dunha concellaría de administración, cultura, educación e deporte na que contará co apoio de Pilar Pérez para o ámbito de Cultura e Jorge Carballido para Deportes. A maiores inclúe administración electrónica, contratación e seguridade cidadá. A área de Servizos Básicos, da que se sigue encargando Xurxo Francos, atenderá a xestión das brigadas municipais, reaparación de vías e camiños, parques e xardíns, alumeado, limpeza viaria e xestión de RSU. Pola súa banda Conchi García terá a área de transporte e emprego na que tamén se engloba comercio e turismo.

Descarga aquí o acordo de gobernabilidade para Teo 

teo