O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo estrea unha caravana lila na semana do 25 N

| compartir:

O Concello de Teo estrea este mes de novembro unha caravana lila. Trátase dun CIM itinerante que se usará en eventos para concienciar e traballar no tema da igualdade e tamén se busca visibilizar o funcionamento do Centro de Información á Muller. A caravana lila comeza a andar este mes e queremos que nos visites e a coñezas informándote da campaña Teo contra as violencias machistas.

O novo punto lila estará nos seguintes lugares de 10.30 a 13.30 horas: 

  • Martes 22 en Cacheiras, na zona da Mediateca do Grilo.
  • Mércores 23 nos Tilos, na zona da biblioteca pública.
  • Xoves 24 na Travesía de Reborido.
  • Venres 25 na Ramallosa, fronte ao Concello. 

As persoas que se acheguen á caravana recibirán material divulgativo da campaña contra as violencias. Dende o CIM anímase a subir fotos ás redes cos cancelos #teocontraasviolencias e #teosenviolenciasmachistas 

A caravana é antiga e foi mercada grazas á subvención que recibe Teo do Pacto de estado contra a violencia de xénero. 

Teatro

Na semana do 25 teremos dúas citas teatrais con temática relacionada coas violencias. O mércores 23 ás 19:00 horas poderemos ver a obra Golpes con Estíbaliz Veiga. A obra conta a historia de Pamela, unha rapaza que nos fala da súa vida, dos seus soños e que busca traballar na prevención da desigualdade. 

O venres 25 ás 21:00 horas Redrum Teatro presenta o espectáculo Invisibles. É unha obra para persoas adultas na que se relatan casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre. Os dous espectáculos son de balde mais con reserva de entrada premendo aquí 

Antes de comezar a obra o día 25 farase a lectura do manifesto institucional polo día contra a violencia de xénero. 

Campaña De fronte

O Concello tamén participa na campaña impulsada pola Deputación da Coruña De fronte á violencia de xénero. Este ano faranse ciberquedadas o 23 de novembro e o IES de Cacheiras participa nunha delas. A mocidade é un dos colectivos nos que resulta máis interesante traballar sobre o tema da desigualdade e a violencia machista para poder previla. 

Talleres 

Dende o CIM realízanse de xeito periódico talleres e obradoiros dirixidos a mulleres. O 26 de novembro e o 10 de decembro teremos na biblioteca dos Tilos, de 10:00 a 13:00 horas, dúas sesións sobre autocoñecemento e saúde sexual. Traballarase o concepto da sexualidade, saúde sexual así como outras cuestións como os mitos relacionados co amor romático e a creación de relacións positivas e saudables. Se queres asistir podes inscribirte premendo aquí

 

caravana lila