O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Este sábado celébrase o I Festival de teatro escolar do IES de Cacheiras

| compartir:

Esta mañá presentouse na Casa do Concello o I Festival de Teatro escolar do IES de Cacheiras  que se celebrará o sábado, 30 de abril, na Burga de Xermeade e no  Auditorio Constante Liste, da Ramallosa.

Este evento está organizado pola Aula de Teatro do IES de Cacherias, o equipo de dinamización da lingua galega, a Biblioteca Luisa Villalta e o Departamento de Vicedirección e actividades extraescolares e conta coa colaboración do Concello de TEO.

Na presentación participaron o a concelleira de Cultura e Educación María López Álvarez; a Técnica de Cultura, Lucía Mosquera; alumnas do grupo de teatro que protagonizan o roteiro, Lidia Puga Castelao, Nahir Carbajales García, Carlota De Miguel González, Ariadna Gómez Varela; a Vicedirectora do IES de Cacheiras, Trinidad Pazos Celis e o profesor encargado da Aula de Teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Teo, Touro, Compostela e Palas de Rei).

O programa deste Festival en Teo é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral ás 11:00 horas na BURGA DE XERMEADE, que estará protagonizado por alumnado e profesorado do instituto. Este roteiro consta de cinco escenas que permiten imaxinar o bulicio que en Pontevea e Xermeade existiu arredor das súas augas axofradas e curativas. Comeza cun grupo de excursionistas conducidos por guías internándose de par do río pola verea que conduce á Burga de Xermeade. Regresan a finais do século XIX e principios do XX. Saen ao paso os anunciantes das pousadas e casas de baños. A xente acode á Burga para bañarse ou a por auga para beber, e iso que cheira e sabe a ovos podres, pero sanda e cura enfermidades da pel, respiratorias, do fígado, a reuma... Uns van e veñen no día, báñanse na pía que alí se construíu; outros veñen e botan os 9 ou 11 días perceptivos nas casas de baños e xa non pisan a bañeira, a non ser as das casas, non queren mesturarse co vulgo.

Tanta xente acode que as condicións de hixiene, ou outros intereses de negocio particulares, fan que as autoridades clausuren e pechen a Burga, impedindo o baño nese lugar e mesmo que esta sexa levada para as casas. Os veciños manifestan a súa indignación, seguen indo e ademais acoden á xustiza ante o intento de venda e privatización das augas. Tamén se poñen en venda as casas de baño ou dedícanse a outros asuntos.

Pasaron os anos, a deshora aparece unha parella que en tempos acudiu a Xermeade, foilles ben coas augas e volven por ver de sandaren das súas doenzas. Mais ese mundo esvaeceu, agora o que encontran son excursionistas.

Ás 13:00 horas, no Auditorio Constane Liste, da Ramallosa, a Aula de Teatro do IES DE CACHEIRAS, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do CPI FONTE DÍAZ, de Touro e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo REVIRACONTOS.

Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano. As actrices e actores destas compañías amosan a través das súas escenas a posta en práctica de valores fundamentais como A PAZ, O RESPECTO AO MEDIOAMBIENTE, A TOLERANCIA, A SOLIDARIEDADE, A INTEGRACIÓN…

A través dunha viaxe ao mundo dos contos relatados pola literatura popular e culta, as actrices e os actores destas compañías reivindican tamén o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas emocionalmente equilibradas, autónomas, libres; poñen de manifesto a relevancia da solidariedade con aqueles seres humanos que sofren pola súa condición de xénero ou raza e reivindican o valor dos proxectos educativos colectivos…

Este Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2021/22 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continou o 27 de marzo en Touro, o 5 de abril en Langreo, o 6 de abril en Sestao e continuará en Palas de Rei e Compostela.

 

 

festival