O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A Xunta garante viabilizar a construción do novo centro de saúde na Ramallosa

| compartir:

O alcalde, Rafael Sisto, e os voceiros dos grupos políticos con presenza na corporación, Patricia Castelao, do BNG, Uxía Lemus, do  PSdeG-PSOE e José Manuel Guerra, do PP, mantiveron esta tarde unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, e con Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago polo novo centro de saúde de Teo. 

Dende o Concello amósase a satisfacción pola xuntanza que se considerou "moi produtiva e positiva" en palabras do alcalde. A conclusión principal do encontro é o compromiso por parte da Xunta de viabilizar o novo centro de saúde programado para Teo na Ramallosa, unha ubicación que se considera central e axeitada para atender a gran parte da poboación teense. 

O alcalde, como manifestara en ocasións anteriores, consideraba prioritario obter este compromiso e non perder esta oportunidade para o Concello de contar cunha dotación actual e moderna en canto á atención sanitaria. Na reunión eliminouse calquera dúbida sobre a idoneidade da Ramallosa como a localización ideal para esta nova infraestrutura. 

O Concello conta xa nesta localización cos terreos que permitirían esta construción e está en condicións de facer esa cesión á Xunta para que os traballos de deseño do novo centro continúen a tramitación. Trátase dun proceso administrativo longo e cómpre evitar demoras innecesarias.  

A nova instalación incrementará os servizos actuais tanto en medicina como en pediatría e enfermería. Ademais terá consulta de farmacia, área bucodental con 2 consultas, 3 consultas polivalentes para a realización de técnicas, sala de educación sanitaria, 1 despacho de coordinación e sala de atención ao usuario. 

Con respecto ao debate que se ten xenerado nas últimas semanas sobre o mantemento do centro de saúde dos Tilos dende o Concello agradécese "a postura da Xunta, que entende a necesidade de manter aberto o centro dos Tilos". 

Rafael Sisto agradece tamén a boa disposición dos voceiros dos grupos políticos locais na xuntanza. 

 

 

Sergas