O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Comeza unha asesoría municipal en ecoloxía e sustentabilidade

| compartir:

En xaneiro comeza un novo servizo en Teo, unha asesoría en ecoloxía e sustentabilidade que funcionará os últimos martes de mes de 10 a 13 horas. Será na Aula de Informática, no Auditorio Municipal Constante Liste.

As funcións principais deste servizo, que será de balde para a veciñanza, serán asesorar, dar consello e informar sobre as seguintes cuestións: consumo sostible e responsable, medidas para favorecer á biodiversidade, medidas para reducir o noso impacto no medio natural e os valores naturais da contorna.

Poderanse responder preguntas como: que podo plantar no meu xardín para que teña máis vida? Teño morcegos no faiado, debería preocuparme? Como podo facer o meu propio composteiro? Que restos podo compostar? Que podo facer para reducir a pegada ambiental da miña compra? Que fago para eliminar unha
especie invasora? Cales son os hábitats naturais máis interesantes na miña parroquia? Que podo facer para coidalos? Que fago se atopo unha ave ferida? Onde podo ver anfibios preto da miña casa? Miles de cuestións relacionadas coa ecoloxía e a sustentabilidade ás que intentaremos dar resposta.

A calidade das nosas vidas ten moito que ver co bo estado de conservación da natureza que nos rodea e do medio no que vivimos. Unha paisaxe natural e diversa, unha biodiversidade rica en especies, un medio ben conservado son compoñentes fundamentais do noso benestar, especialmente nun concello como Teo, rural e densamente poboado.

As persoas, a cidadanía ten moito que dicir nestas cuestións esenciais. Ben guiadas, a suma de pequenas accións individuais ou de pequenos cambios nos nosos hábitos poden contribuír enormemente á conservación da natureza e ó coidado do ambiente.

Outras asesorías 

O Concello mantén outras asesorías de balde como o Punto de Información Eléctrica que funciona os martes de 10 a 12 no Salón de Plenos ou o servizo para xestións relacionadas co Catastro que atende os venres de 9 a 14 horas no Concello, agás a última semana de mes.

Bosque Apego