O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O plan director do Parque Compostela Rupestre recolle 144 petróglifos e define 67 contornas de protección

| compartir:

O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas, presentaron esta mañá o Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., ante os representantes dos concellos con terreos integrados no parque: Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Durante a presentación, Xosé Regueira asegurou que “hoxe é un día que temos que celebrar porque xa temos Plan Director” e marcou como prazo antes de final de ano para decidir a que medidas concretas destinará crédito asignado a este proxecto. María López, concelleira de Cultura e Turismo de Teo, participoun na xuntanza. 

O director de Trivium, César Abella, que foi o encargado de explicar polo miúdo o documento, explicou que este traballo reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica). Ademais, o Plan traza a folla de ruta das accións a realizar no curto, mediano e longo prazo no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, dotando ademais ao parque dun modelo de xestión sinxelo e eficaz

En concreto, a catalogación dos petróglifos realizada polo equipo de Trivium para este Plan Director contén unha información exhaustiva sobre a xeografía, a arqueoloxía, a conservación dos gravados e a situación legal e administrativa das parcelas nas que se atopan os restos arqueolóxicos. Tamén recolle as medidas e tratamentos que permiten minimizar o risco de alteración dos petróglifos e dos sitios rupestres, así como a valoración económica de cada estación e os tratamentos de conservación que serán necesarios adoptar en cada caso.

O documento recolle a creación de 3 áreas arqueolóxicas de Villestro-Ventosa (Ames e Santiago), Monte Piquiño (Teo) e O Castriño de Conxo (Santiago); así como o deseño de 5 rutas ciruculares, baixo a marcha ‘Sendeiros Rupestres’:

  • Monte Pumariño – Castro Lupario – Carballeira de Francos (Brión e Teo): ruta de 10,07 quilómetros onde se combinan patrimonio etnográfico, arqueolóxico e natural.

  • Cornide – Outeiro do Corno – Monte Piquiño (Teo): ruta de 12,3 quilómetros coa maior concentración de manifestacións rupestres do concello que xa está marcada polo Concello dende hai anos.

  • Portomouro – Portomeiro (Val do Dubra): ruta de 17,1 quilómetros que decorre pola contorna da ribeira do río Tambre.

  • Portela de Villestro – Ventosa (Santiago e Ames): ruta de 7,22 quilómetros coa maior concentración de gravados de todo o territorio de Compostela Rupestre. Monte da Silvouta (Ames e Santiago): ruta de 7,32 quilómetros que decorre nunha área de bosque autóctono e por unha extensa rede de camiños tradicionais.

A próxima xuntanza de Compostela Rupestre celebrarase en Teo o 12 de novembro e nese encontro debe avanzarse nos pasos concretos que leven a unha protección efectiva do patrimonio arqueolóxico, por exemplo coa compra de terreos. 

 

Compostela Rupestre