O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo e Ames constitúen unha comisión mixta para a coordinación do Servizo de Atención Temperá

| compartir:

Após da sinatura do convenio para a posta en marcha do Servizo de Atención Temperá, SAT, de forma conxunta entre Teo e Ames que se materializou o día 11 de outubro de 2021, constitúese agora a "Comisión mixta de coordinación" que ten como obxectivos regular as condicións de prestación do servizo e as normas internas de xestión. Na primeira xuntanza desta comisión participaron a concelleira Igualdade e Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, o concelleiro de Servizos Sociais de Teo, Ignacio Iglesias, a coordinadora de Servizos Sociais de Teo, Mónica Mella, e Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde de Ames. O SAT situarase nun Local habilitado na Travesía das Galanas, 67- 1º, en Teo, e contará con servizo de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional.

Este servizo xa funciona en Teo dende hai tempo, concretamente nun local municipal en Cacheiras. Con esta nova xestión compartida pasará a prestarse na Travesía das Galanas. 

O seguimento da xestión do servizo, a elaboración dun orzamento anual, a fixación do catálogo das condicións da prestación, o establecemento das directrices básicas da prestación conxunta e do programa que fixa as liñas básicas de actuación, a elaboración das normas internas de xestión, a interpretación do convenio, a proposta, se fose o caso, de “adendas” e a resolución de dúbidas son os cometidos que ten a recentemente creada Comisión mixta de coordinación" que os departamentos de Servizos Sociais de Teo e Ames poñen en marcha conxuntamente co obxectivo de ofrecer a cidadanía un Servizo de Atención Temperá para aquelas familias que teñen fillos ou fillas con necesidades especiais nos primeiros anos da crianza.

O profesorado dos Centros Educativos de Teo e Ames, o persoal sanitario dos Centros de Saúde e os propios departamentos de Servizos Sociais de ámbolos dous concellos serán os encargados de propoñer os casos que precisan ser derivados ao servizo. Este traballo no caso de Teo xa está realizado e xa se están atendendo casos mentras que en Ames comezarán por esa cuestión para derivar persoas a este novo servizo. 

Na primeira reunión do SAT, que se desenvolveu na futura sede do servizo, constituíuse formalmente a Comisión de coordinación e trazáronse os pasos a seguir para a elaboración do catálogo de servizos. Ademais establecéronse a periodicidade das xuntanzas, as necesidades orzamentarias e os detalles de organización do propio servizo.

O servizo prestarase a través da xestión indirecta pero a comisión creada exercerá un control sobre o servizo. A servizo conta cunha subvención autonómica e é unha aposta por uns servizos sociais completos e de calidade. 

Obxectivos de colaboración
O convenio de colaboración para a xestión compartida do SAT entre Ames e Teo baséase no principio xeral de "colaboración interadministrativa, para a efectividade da coordinación e eficacia administrativa". O convenio concrétase nas vantaxes de posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo público, prestar de forma eficaz e eficiente este servizo público, minorar os custos antieconómicos da prestación illada, garantir o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade mediante unha oferta de recursos suficiente e equilibrada, dar resposta ás necesidades da poboación mediante unha axeitada planificación previa e pór en valor os recursos dispoñibles.

Ignacio Iglesias destaca que "cando se quere colaborar saen proxectos coma este que unen a dous concellos para atender mellor unha demanda real por parte dos usarios". 

atencion temperá