O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Celebrado o Consello Local de Infancia e Adolescencia

| compartir:

O día 20 de novembro conmemoramos o Día Mundial da Infancia e, con tal motivo, celebramos hoxe o Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) no Salón de Plenos do Concello coa presencia de alumnado do IES Cacheiras, dos CEIPs Os Tilos, A Igrexa-Calo e A Ramallosa, así como do grupo de participación infantil e adolescente As Toupas de Teo, e unha representación da Asociación Arcostilos. En total, foron 25 nenas, nenos e adolescentes que tomaron a palabra para expresar a súa opinión sobre as súas necesidades e defender os seus dereitos.

O Salón de Plenos acolleu hoxe a celebración do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA), un órgano de participación infantil e adolescente onde a rapazada ten a oportunidade de expresarse sobre as súas necesidades e realizar propostas para mellorar a vida de toda a infancia de Teo. 

Precisamente, sobre as súas propostas debatiron coas persoas adultas representantes no Consello Local de Infancia e Adolescencia: representantes dos grupos políticos, representantes de Anpas, Asociación Arcostilos e representación de profesorado. Boa parte das propostas tiñan que ver co dereito á participación, o dereito á protección e á seguridade infantil, o dereito ao xogo, e o dereito a medrar nunha contorna saúdable e adaptada á infancia e xuventude.

Durante o acto, o grupo @toupasdeTeo tamén informou das súas actividades próximas como a asistencia ao XIV Foro de participación infantil e adolescente, que terá lugar o día 20N no Parlamento de Galicia; así como da actividade realizada pola representante municipal no Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia (CAIA), ou o recente nomeamento de Julia López Sánchez, como representante do CLIA no Consello Estatal de Infancia e Adolescencia (CEPIA). 

Para finalizar a concelleira de Educación e Igualdade, en delegación do concelleiro de Benestar e Infancia, Juan Jesús Cerqueiro Pintos, deu lectura á declaración institucional aprobada por unanimidade no último Pleno municipal do mes de outubro. Nesta declaración reafírmase o compromiso deste Goberno cos dereitos da infancia recollidos na Convención sobre os dereitos da infancia e coa súa consideración como prioridade nas políticas locais.

O concello de Teo, que conta coa credencial de UNICEF como Cidade Amiga da Infancia súmase así á campaña lanzada por UNICEF baixo o lema #ESTAMOS AQUÍ. Este lema lémbranos unha realidade sinxela pero esencial: as nenas, nenos e adolescentes non son unicamente o futuro; son cidadáns e cidadás do presente. Están aquí. Forman parte das nosas comunidades e teñen dereito a ser escoitados e tidos en conta nas decisións que afectan ás súas vidas. 

Cabe lembrar que o Concello de Teo obtivo, con data 27 de novembro de 2023, o segundo recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que outorga UNICEF aos municipios que nos seus diagnósticos e plans locais de infancia e adolescencia incorporan a adopción de enfoques de participación infantil e adolescente significativa, resultados demostrables, enfoque de equidade, e gobernanza e asignación de recursos con enfoque de infancia.

FOTO