O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Os músicos da AC Rosalía de Castro de Cacheiras serán os pregoeiros do San Martiño 2026

| compartir:

O Concello de Teo presenta unha nova edición da súa Feira do San Martiño, declarada o pasado ano como Festa de Interese Turístico de Galicia. Celebrarase os días 8, 10 e 11 de novembro na Carballeira de Francos, mantendo así a súa ubicación orixinaria dende fai máis de 500 anos. 

Como novidades, este ano o pregón será o martes 10 de novembro e correrá a cargo do grupo de música tradicional da asociación cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, dando así voz e protagonismo ás distintas asociacións que conforman a rede de Teo. Unha forma de dalos tamén a coñecer e de que formen parte da propia programación do San Martiño. Seguidamente, será a quenda da cantante galega Pili Pampín, quen dará un concerto na carpa institucional da carballeira para todos os asistentes, de forma totalmente gratuíta. Por último, como xa é tradición, comezarán as foliadas nas polbeiras coa charanga A Ponte Vella.

O mércores, 11 de novembro, daremos paso ao día grande do San Martiño. Como cada ano, desde as 6 horas da mañá abrirase a trata de gando cabalar. Tamén estará permitida a chegada de cabaleiros e cabaleiras a cabalo. A partir das 9.00 horas, abrirase o mercado tradicional, a zona das polbeiras e a feira de artesanía, xunto cunha exposición de Artesanía Alimentaria feita en Teo. 

Ao longo da mañá, haberá diversas experiencias de calidade agroalimentaria, para as cales deberán inscribirse previamente na páxina web municipal, no apartado de actividades. Así, ademais dun túnel dos viños da Ribeira do Ulla, haberá cociña ao vivo con produtos de tempada e unha cata de queixos con Denominación de Orixe Protexida galegos e de Artesanía Alimentaria. Desta forma, o Concello segue apostando polos produtos de calidade para que a xente poida coñecer as súas características e cualidades e, sobre todo, desfrutar deles.

Por último, e mantendo as boas costumes, andará “O Cego na feira” pola carballeira, amenizando coa súa música e actuación. Tamén o fará o grupo de música tradicional da AC Rosalía de Castro de Cacheiras, os pregoeiros desta edición do San Martiño. 

A Feiriña

O domingo, 8 de novembro, será a Feiriña do San Martiño, con diversas actividades pensadas para os máis pequenos da casa. Ademais dos obradoiros de chaveiros e galletas de Martiño O Cabaliño, que sempre teñen moi boa acollida, tamén haberá unha xincana familiar e unha ruta guiada polo Colectivo A Rula. Ademais, este ano contaremos cun bautismo e carrusel hípico. A xornada rematará co teatro musical “A Feira das Linguas”. 

 

FOTO

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
261102_Programa San Martiño 26_Teo.pdf 183.52 KB