O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Pleno do Concello de Teo aprobou onte de forma definitiva a Modificación Puntual non Substancial Nº2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), logo de recibir todos os informes sectoriais favorables e o informe preceptivo por parte da Dirección Xeral de Urbanismo. Contou cos votos a favor do PP e PSOE e as abstencións do BNG.
Así, esta Modificación Puntual nº2 do PXOM busca permitir unha maior flexibilidade na implantación das edificacións principais dentro da parcela edificable, pasando así dos actuais 25 primeiros metros ata os 50 metros dende a aliñación oficial. Tamén permitirá a implementación de cubertas planas no solo de núcleo rural, na súa área de extensión (N2), facilitando así o desenvolvemento arquitectónico dentro destas zonas rurais.
Por último, tamén contempla a eliminación da prohibición de edificar en parcelas en función da pendente natural da mesma. Ata o de agora, a pendente máxima permitida era do 30%, o que producía agravios comparativos, xa que era un mero condicionante físico ao deseño arquitectónico da vivenda. Agora, con esta eliminación, a construción proxectada terase que adaptar á realidade física do terreo, fomentando así un desenvolvemento urbanístico máis harmonioso e respectuoso, sen comprometer a calidade estética nin a funcionalidade das vivendas.
Ordenanza lixo
Por primeira vez, levouse ao Pleno a aprobación inicial da ordenanza reguladora de xestión de residuos municipais do Concello, tal e como esixe a Lei e que arestora non existía no municipio como tal. Trátase dun avance moi grande e positivo para o Concello, pois adapta a regulación municipal á normativa actual. Contou cos votos a favor do PP, en contra do BNG e as abstencións do PSOE.
Esta ordenanza recolle aspectos tan importantes como a separación das distintas fraccións de residuos, o uso dos colectores, a recollida de residuos especiais e voluminosos, o funcionamento do Punto Limpo acorde á vixente Lei e as obrigas e dereitos da cidadanía. Ademais, con esta norma búscase tamén dar resposta a problemas como os vertidos incontrolados, o abandono de residuos ou o uso incorrecto dos sistemas de recollida.
Os obxectivos da norma pasan por fomentar comportamentos e actitudes encamiñadas a manter o municipio limpo, promovendo unha correcta economía circular. Para iso, a ordenanza recolle un marco flexible que permitirá adaptar e mellorar o servizo segundo as necesidades do propio concello, así como adaptalo a novos cambios na normativa nacional ou europea.
Festivos locais 2027
Outro punto que se debateu no Pleno do mes de xullo foi a proposta da Alcaldía sobre os festivos locais para o ano 2027. Así, proporase ao Pleno da Corporación fixar como festivos locais os días da Ascensión (6 de maio) e do San Martiño (11 de novembro), dado que se que vén fixando dende hai moitos anos como festas locais neste municipio. Logo de ser aprobada a proposta, por unanimidade, darase traslado do acordo á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Así, propúxose o 11 de novembro, festividade do San Martiño, porque ten unha gran importancia para o municipio teense, xa que a feira cabalar é o evento socio-cultural e económico máis importante do concello e que se vén celebrando dende hai máis de 500 anos. Doutra banda, dada a proximidade coa capital galega, cómpre tamén fixar o día da Ascensión como festa local teense, posto que milleiros de veciños e veciñas de Teo acoden a celebrar esta festividade en familia.