O Concello esixe que a Xunta asuma as súas competencias xestionando o comedor dos Tilos

15-02-2021
ceip

O Concello de Teo, a través da responsable de Educación, Mayte Argibay, reiteroulle esta mañá á directiva da Anpa Cobas do Ceip dos Tilos a disposición a seguir traballando conxuntamente para a búsqueda dunha solución á problemática do comedor do centro. O colexio dos Tilos está sen comedor dende este mes de setembro, despois de que as imposicións da Xunta pola crise sanitaria, fixeran inviable para a Anpa seguir coa xestión deste servizo. 

A Concellaría de Educación, como leva facendo dende o mes de agosto, destaca a necesidade de que "a Xunta exerza as súas competencias e xestione o servizo do comedor escolar nos Tilos, como xa fai nos centros de Calo e A Ramallosa". "Trátase só de que cumpra coas súas competencias e deixe de enredar" indica Argibay. 

Dende agosto tanta a Anpa coma o Concello están en conversas coa Consellería para que o servizo se poida prestar o antes posible. Neste momento, conscientes da problemática que supón para moitas familias esta situación, a edila explícalle á Anpa que por parte do Concello "estaríamos dispostos a xestionar o comedor ata final de curso sempre e cando a Xunta garanta por escrito a xestión deste servizo dende o próximo mes de setembro". 

Dende o Concello tense solicitada unha entrevista co Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para valorar esta situación e buscar unha solución de xeito urxente. Esta solicitude aínda non foi atendida. 

En relación con este tema o pasado venres reuniuse o Consello escolar municipal, o máximo órgano de consulta e participación cidadá na planificación e intervención educativa do Concello de Teo, no que se aprobou por unanimidade o apoio á petición de que o comedor escolar sexa xestionado pola Xunta de Galicia. 

Tamén está presentada unha moción para o seu debate no próximo pleno municipal no que se propón: "apoiar a solicitude da Anpa do Ceip Os tilos á Consellería de Educaicón, para que xestione dende este curso o comedor de dito centro, en cumprimento das súas competencias recollidas na normativa vixente". 

Na citada moción lémbrase que o Decreto 132/2013 polo que se regulan os comedores escolares dos centro docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería con competencias en materia de educación, establece no seu artigo 1.3 que a Consellería competenten en materia de educación proveerá, mediante a modalidade máis convinte en cada caso, a prestación do servizo de comedor escolar ao alumnado que curse a ensinanza básica e/o segundo ciclo de educación infantil.

Deste xeito, dende o Concello reitérase a petición de que a Xunta "non faga deixación de novo e dunha vez asuma a súa obriga de dar o servizo" indica a concelleira.

Dende o Concello, para minimizar o impacto da falta de comedor, xa se puxo en marcha un servizo de conciliación, o Teo Coida, que atende a vinte nenos no horario que vai dende a saída do colexio ata as 3:30 h  cando as familias os poden recoller. Este servizo xestiónase dende a área de Benestar.