O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Teo aprobou de forma definitiva no Pleno desta tarde a Modificación Puntual non Substancial Nº3 do PXOM

| compartir:

O Pleno do Concello de Teo aprobou de forma definitiva a Modificación Puntual non Substancial Nº3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a cal clarifica a regulación do réxime das obras en edificacións que se atopan fóra de ordenación ou de desconformidade co planeamento.  

Esta modificación recibiu todos os informes sectoriais favorables e adaptouse ás esixencias do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, incluindo así un apartado específico que recolla que a cualificación como fóra de ordenación non é de aplicacion aos inmobles incluídos nos Catálogos do Plan Xeral ou nos dos plans de desenvolvemento que establezan medidas especiais de protección. 

Cabe lembrar que esta modificiación Nº3 do PXOM inclúe e clarifica a regulación do réxime das obras en edificios que se atopan en situación de fóra de ordenación e de desconformidade co planeamento, conforme ao artigo 90 da Lei do solo de Galicia. Así, esta normativa tamén abrangue os edificios que, aínda sendo resultado de infraccións urbanísticas, xa se atopen prescritos. 

O obxectivo deste cambio é establecer un marco normativo máis preciso e detallado que facilite a intervención en dita tipoloxía de edificios, garantindo a súa adecuación ás condicións legais e urbanísticas actuais sen menoscabar os dereitos dos seus propietarios.  

Ordenanza reguladora servizos de conciliación

No Pleno desta tarde tamén se debateu, entre outros temas, a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización dos servizos de conciliación da vida familiar e laboral. Neste senso, a dita modificación introduce novos prezos derivados da ampliación do servizo TeoMadruga no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Teo, en concreto nas escolas unitarias de Raxó e Reis. 

Trátase dun servizo demandado desde fai anos polos pais dos usuarios destes centros, aínda que a petición solicitada formalmente ao Concello chegou coa actual dirección da Anpa. Ao desenvolverse o programa de conciliación unha hora menos que nos centros de educación infantil e primaria, o prezo tamén cambia situándose nos 40 euros por cada usuario que empregue o servizo con almorzo e 30 euros no caso de ser sen almorzo. 

Esta modificación, proposta pola Alcaldía, permite garantir un correcto desenvolvemento do programa de conciliación municipal neste colexio rural agrupado, apostando así por diversos modelos educativos con cabida no Concello. 

Aprobación POS+2026

Noutra orde de cousas, analizouse a participación no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+ 2026” da Deputación Provincial da Coruña, aceptando dedicar a aplicación desta achega a gastos correntes. Así mesmo, o Plan Complementario do ano 2026 dedicarase ao afirmado e acondicionamento do viario municipal entre Montouto e Penelas, cuxo estado actual é moi deficitario. 

foto