O goberno informa sobre a reunión con Toysal á Plataforma e convoca un pleno por este tema

30-07-2020
canteira

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, reuníronse con representantes da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos para informar da entrevista do pasado venres no Concello co representante da empresa Toysal. Como xa se publicou na web municipal o mesmo día informouse de que a xuntanza non tivera ningún tema ou petición concreta. 

Na xuntanza do pasado venres 24 estiveron o alcalde Rafael Sisto, a concelleira de urbanismo, Uxía Lemus, a secretaria xeral, e o arquitecto municipal por parte do Concello mentras que por parte da empresa estivo Víctor Toca Salgado e un asesor legal.

No pleno ordinario celebrado onte, no apartado de mocións e rogos e preguntas, os partidos da oposición, PP e BNG, solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para falar desta xuntanza. O goberno municipal en conversas con estes grupos fixará para a próxima semana un pleno extraordinario no que comparecerá o alcalde, Rafael Sisto. 

No pleno de onte, que podes ver aquí, o rexedor xa adiantou que non hai na comparecencia haberá pouco que aclarar xa que a xuntanza con Toysal "foi intrascendente". Sisto engadiu que de existir algunha cuestión nesa xuntanza que afectara a cuestións administrativas municipais ou algún anuncio proxecto da empresa se tería trasladado de inmediato. O rexedor destaca "a disposición permanente do goberno a informar á cidadanía e ao resto dos grupos de calquera tema e deste en particular sendo conscientes da preocupación que xera". 

Dende o goberno municipal lémbrase tamén que neste momento non hai ningunha tramitación relacionada coa explotación da canteira da que sexa competente o Concello polo que "resulta fundamental manter a unidade de acción e lembrar que as normas que rexen para este tipo de explotacións son supramunicipais" indica o alcalde.