O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Pleno do Concello de Teo, correspondente ao mes de novembro, debateu hoxe os orzamentos para o vindeiro ano 2026, que se sitúan nos 22,15 millóns de euros. Uns orzamentos realistas que contan cun aumento de 3,6 millóns de euros con respecto ao ano anterior e que volven a poñer especial atención nas necesidades da veciñanza, como non podía ser doutro xeito, e no arranxo das infraestruturas municipais.
Mantendo a senda dos actuais orzamentos, en 2026 están consignados preto de 2,3 millóns de euros para o arranxo da rede viaria e infraestruturas de titularidade municipal, incluíndo fondos propios, fondos POS e fondos POS+. Neste senso, cabe destacar as máis de 70 obras realizadas con fondos propios nos dous primeiros anos de lexislatura. Ademais, e dentro deste montante, preto de 1 millón de euros se destinará a priorizar os alcantarillados que -a día de hoxe- seguen pendente, tales como son a segunda fase do Ferreiriño, A Torre ou o da Ínsua.
Outro punto a destacar é a consignación de preto de 2 millóns de euros do orzamento para a expropiación dos terreos do futuro polígono industrial, que se situará na Ramallosa. Un plan que foi aprobado en xuño deste ano 2025, o cal permitirá botar a andar este gran proxecto, incrementando así os postos de traballo en Teo e incentivando o desenvolvemento económico e industrial na zona.
Servizos sociais
En materia de servizos sociais, as novas contas seguen a fortalecer o gasto do Servizo de Atención Familiar e Temperá. No primeiro caso, o Concello potencia e incrementa o número de prazas en actividades para as persoas maiores do municipio. Ademais, neste senso, cabe salientar a posta en marcha dun novo servizo en Teo: o centro de día, que xa vai collendo forma e que neste 2026 se procederá á reforma integral do local para o seu correcto acondicionamento.
Así mesmo, no ano 2026 asinarase un novo convenio coa Asociación Acougo, para fomentar o acollemento familiar de menores en situación vulnerable. Por último, refórzase o servizo de TeoMadurga en dúas escolas unitarias do Colexio Rural Agrupado de Teo, ofrecendo así este servizo de conciliación familiar a máis persoas que o precisen. Por iso, o Concello de Teo volve a subir por segundo ano consecutivo o seu orzamento no departamento de Servizos Sociais, consignándolle un total de 3,75 millóns de euros.
Cultura, turismo e comercio
Para o 2026, os orzamentos municipais manteñen o seu firme compromiso coa cultura e o coidado do patrimonio. De feito, o departamento de Cultura aumenta o seu orzamento a 780.000 euros, incrementando a dotación relativa á protección do Patrimonio Histórico-Artístico.
A partida de turismo e comercio mantense con respecto ao pasado exercicio, continuando coas accións de promoción e unha axenda anual repleta de actividades de gran interese para a cidadanía, así como actuacións para a posta en valor do comercio local teense. Aquí, cabe salientar que o Concello está rematando unha guía de negocios para a súa posta en marcha ao longo do ano 2026.
Deporte, Xuventude e Educación
As contas do Departamento de Deportes e Xuventude suben para o ano 2026, ao ter reservado unha partida de 200.000 euros para o cambio de céspede no campo municipal do Rebordelo, dado o seu mal estado. En materia de campamentos, o presuposto tamén aumenta para así dar un servizo de maior calidade aos rapaces e rapazas de Teo.
O Goberno local tamén prevé unha ampliación na oferta formativa para a rapazada e público en xeral. Así, prevese un incremento nos cursos de informática, linguaxe de signos, talleres de todo tipo e os cursos de defensa persoal.
En Educación, os orzamentos para 2026 recollen o aumento nas subvencións destinadas ás Asociacións de Nais e Pais e aos propios centros educativos. Prevense melloras estructurais nos centros que o precisen, de feito, neste 2025 solucionáronse problemas como a colocación de aires acondicionados en varias escolas infantis municipais debido ás altas temperaturas, o cambio do portalón no CEIP Os Tilos ou os videoporteiros nas cinco escolas do CRA para maior seguridade dos nenos.
Reforzo en persoal
Con respecto ao persoal do Concello, increméntanse de novo as prazas no corpo da Policía Local para reforzar a seguridade en todo o municipio. Do mesmo xeito, ofertouse a praza de electromecánico do Servizo de Augas de Teo, así como se reforzou o Servizo de Urbanismo, Contratación, Recursos Humanos e Informática. Prazas que van contempladas no novo orzamento, como non podía ser doutro xeito. Tamén se contempla a funcionarización dunha praza pendente de auxiliar administrativo para dar así cumprimento á Lei Estatal.
O orzamento de 2026 tamén contempla a previsión do incremento salarial fixado pola Lei Estatal, de saír adiante, así como os Fondos de Acción Social, tanto do persoal laboral como funcionario, así como dos traballadores subrogados.
Orzamentos realistas
Os orzamentos para 2026 están baseados nos principios de prudencia, eficacia e eficiencia dos recursos públicos, garantizando a mellora das infraestruturas e servizos públicos municipais.
De feito, cando o actual Executivo local chegou ao goberno, a débeda viva era de 3,4 millóns de euros en Teo, logrando reducir a dita débeda en máis de 1,6 millóns de euros. Un orzamento que se aprobará con superavit, fixado no seu Plan Económico Financeiro.