O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello de Teo conmemora hoxe, 20 de novembro, o Día Mundial da Infancia celebrando o Consello Local de Infancia e Adolescencia no Salón de Plenos do Concello, coa presenza de alumnado do IES Cacheiras e os centros educativos de Teo.
Así, o Consistorio súmase á campaña sobre a promoción dos dereitos da infancia e a adolescencia na contorna dixital lanzada por UNICEF, baixo o lema #acendeosteusdereitos para visibilizar as necesidades e propostas que demandan as nenas, nenos e adolescentes e poder utilizar e gozar da tecnoloxía dun xeito seguro e respectuoso, protexendo así os seus dereitos fundamentais.
O Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) é un órgano de participación infantil e adolescente onde a rapazada ten a oportunidade de manifestar as súas necesidades e propostas para mellorar a vida de toda a infancia de Teo. Durante as reunións que tiveron nos últimos tres meses, As Toupas de Teo, nome do grupo de participación infantil e adolescente, reflexionaron sobre as oportunidades e, ao mesmo tempo, dificultades e riscos que ofrece o uso da tecnoloxía e moi especialmente as redes sociais, centrándose en diferentes ámbitos: o seu impacto na saúde mental, a discriminación en internet, o dereito á privacidade e a demanda de accións para frear o ciberacoso.
Durante o acto de hoxe participaron tamén representantes de alumnado dos centros educativos que, desde hai un mes, veñen traballando a través de diferentes materiais didácticos estas mesmas temáticas nas súas aulas. Sobre as súas propostas debatiron coas persoas adultas representantes no Consello Local de Infancia e adolescencia: representantes dos grupos políticos, das Anpas, da Asociación Arcostilos e do profesorado.
Así mesmo, o grupo Toupas de Teo fixo entrega ao Goberno local dunha copia do Manifesto de Nigrán, un documento que recolle as conclusións do IV Encontro Galego de Consellos Locais de participación infantil e adolescente, celebrado no mes de outubro. A este encontro acudiron 6 vogais deste grupo teense.
Para finalizar, procedeuse á lectura da Declaración institucional aprobada por unanimidade no último Pleno do mes de outubro., onde se recolle o compromiso do Goberno local co cumprimento dos dereitos da infancia recollidos na Convención sobre os dereitos da infancia.
Cidade Amiga da Infancia
O concello de Teo obtivo, con data 27 de novembro de 2023, o segundo recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que outorga UNICEF aos municipios que nos seus diagnósticos e plans locais de infancia e adolescencia incorporan a adopción de enfoques de participación infantil e adolescente significativa, resultados demostrables, enfoque de equidade, gobernanza e asignación de recursos con enfoque de infancia.