O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A Banda EcoTeo, do CEIP A Ramallosa, coa EcoRegueifa, entre as premiadas do Enregueifate 2020

| compartir:

O Enreguéifate anunciou hoxe mesmo nas súas redes sociais cales son os vídeos premiados na edición deste ano, que se desenvolveu do xeito habitual malia a situación de confinamento producida por mor do COVID-19. Neste senso, a organización do certame transmitiu “a súa gratitude pola alta participación” dadas as circunstancias, xa que se recibiron un total de 27 vídeos a concurso, 16 na categoría escolar e 11 na xeral. As procedencias, do máis diversas: O Grove, Tordoia, Donostia, Santiago, Lugo, Baio, Burela, Cangas, Ourense, Cotobade, Gondomar, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Teo, Mourente ou Baamonde.

A EcoRegueifa, unha composición realizada polo alumnado do CEIP A Ramallosa, que se autodenominou Banda EcoTeo, está entre as premiadas polo xurado na categoría escolar de regueifa máis reivindicativa. Podes ver o vídeo aquí.

A concelleira de Lingua, María López, “agradece a participación de todos os grupos no certame Enreguéifate, xa que a regueifa é unha ferramenta lúdica coa que o alumnado utiliza a lingua oral de forma creativa, e felicita á Banda EcoTeo, do CEIP A Ramallosa, polo premio á regueifa máis reivindicativa”.

O xurado deste ano estivo formado por Conchi Cochón, técnica de normalización do Concello de Pontevedra; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Vero Rilo, narradora oral e Lupe Blanco, regueifeira.

Este foi o resultado das votacións, que anunciaron, ao non poder haber gala final coma nos outros anos, cun vídeo protagonizado por Séchu Sende como representante do xurado e que estivo moi ben acompañado polas Regueitubeiras:

Podedes ver o vídeo completo aquí.

 

Premios Categoría Xeral

  • A máis brava: De norte a sur - Localismos 2.0
  • A máis aguda: Trespés - Antítodo anti todo 
  • A máis diversa: decídese deixar deserta esta categoría por non haber ningún vídeo que encaixe e cumpra as bases. Acórdase facer unha mención a “Os Conxugadores”, xa que a súa regueifa era a única realmente diversa pero pasábase moito dos 3 minutos.
  • A máis reivindicativa: Regueifeires dos emojis - AGAL vs RAG
  • A mellor falada: As despistadas - Regheifa na casa!
  • A mellor cantada: Entre nós - Etioloxía do coronavirus?

 

Premios Categoría Escolar

  • A máis brava: Patakas Bravas - As linguas: patrimonio natural
  • A máis aguda: COV-Regueifeiras- COV-verán
  • A máis diversa: "Clase Rosalía". San Xoán de Filgueira - Regueifeir@s dispost@s a salvar o planeta. Decídese tamén facer unha mención a María, participante do grupo Irmanciñ@s.
  • A máis reivindicativa: "Banda EcoTeo" - EcoRegueifa
  • A mellor falada: As rejeifeiras do Cabaso – As rejeifeiras do cabaso
  • A mellor cantada: As guardianas baiesas – A loita por un mundo mellor

Podedes acceder a tódolos vídeos na páxina web do certame ou na canle de Youtube.

 

Que é o Enreguéifate?

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Banda EcoTeo