O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo presenta unha guía para recoñecer as herbas de San Xoán

| compartir:

A Concellaría de Lingua do Concello de Teo editou esta guía como ferramenta para identificar as herbas de San Xoán e saber como se nomean comunmente.

A guía Recollida das herbas de San Xoán pola ruta das Muiñeiras é unha ferramenta cuxa idea xurdiu para acompañar a ruta das muiñeiras, que se leva a cabo este 23 de xuño para recoller as herbas de San Xoán.

A ruta tivo unha excelente acollida entre a poboación teense, xa que se realiza en 2 quendas en horario de tarde e as prazas xa están cubertas hai días e con numerosas peticións na listaxe de agarda.

Esta ruta pola parroquia de Luou, guiada polo educador ambiental Tino Quintela, para realizar a recollida das herbas de San Xoán pretende servir para facer esta recollida con coñecementos, identificando as plantas, coñecendo como nomealas e paseando polo contorno natural teense.

A guía pretende axudar para identificar ata 9 herbas das que habitualmente se recollen polo San Xoán e que se encontrarán con facilidade na ruta das Muiñeiras, xa que cada planta vai acompañada dunha ilustración que axudará á súa identificación. Así mesmo, tamén a acompaña unha breve descrición, o seu nome científico e unha escolma das diferentes maneiras de nomealas que existen espalladas polo territorio.

Este coñecemento da nosa lingua fortalece o vínculo co contorno no que vivimos, o que axuda a normalizar o uso social desta en actos da vida cotiá, como o é a relación coa natureza e a tradición da recollida das herbas, ligada á entrada do solsticio de verán e baseada na crenza de que lavar a cara con elas no día de San Xoán reconforta as persoas debido ás súas propiedades máxicas.

Tradicionalmente apáñanse un conxunto herbas, que varían moito dunhas zonas a outras da xeografía, pero que, en calquera caso, son especies comúns amplamente coñecidas polas persoas das sociedades agrícolas onde comeza esta tradición. Son un mínimo de sete herbas, polo que facemos unha escolma das máis comúns e habituais na zona teense.

Herbas

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
Guia HERBAS_2021.pdf 1.62 MB