O Concello pide que as piscinas só se enchan pola noite

20-05-2020
piscina

O servizo municipal de Augas de Teo está detectando nestes últimos días un exceso de demanda de auga polo enchido das piscinas privadas, tanto particulares coma comunitarias. Esta alta demanda nun corto espazo de tempo xera turbulencias na rede de abastecemento porque succiona moito volume de auga. Esta situación está agravando os problemas de turbidez que tivo a rede nos últimos días pola mancha no río Ulla. 

Á vista desto dende o servizo de Augas solicítase que as piscinas só se enchan de noite, cando é máis sinxelo poder atender esa alta demanda de auga e tamén se recomenda que o caudal da billa se regule á metade. 

Nos últimos días a rede de abastecemento tivo moitos problemas de turbidez provocados por como viña a auga do río Ulla. Nestes momentos na maioría do Concello estábanse recuperando os niveis normais de turbidez pero o enchido das piscinas está provocando novos problemas que se poden minimizar se a xente enche as piscinas con responsabilidade e en momentos que nos que a demanda de auga é menor.  

Lembramos que a auga servida, a pesar de superar o límite de turbidez marcado no RD140/2003, é apta para o consumo.
O servizo municipal continúa a traballar para mellorar o estado da rede, en especial dos depósitos, agradecendo as comunicacións de deficiencias e a responsabilidade e paciencia demostrada pola cidadanía.