Os produtores do mercado do alimento labrego lévanche a compra á casa

24-03-2020
mercado

O mercado do alimento labrego de Teo que se celebra nos Tilos cada sábado está suspendido debido ao estado de alarma e segundo o establece a orde da Xunta publicada o pasado martes 24 no DOG. Sen embargo os/as produtores e produtoras queren axudarche e lévanche a cesta da compra á casa. A orde publicada pola Xunta permite a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos como a vía telefónica, o correo electrónico ou similares. Podes consultar os postos e medios de contacto dos/as vendedores/as do mercado premendo aquí.

Un total de dez postos do mercado ofertan esta posibilidade cunha oferta de produtos como verdura de tempada, queixo, leite, ovos, noces, mel, cogomelos...

Unha vez realizado o pedido, coas debidas medidas de seguridade o produtor/a achegará a compra á vivenda do comprador. Deste xeito dende o mercado colaboran tamén en que poidamos #quedarnacasa

Suspensión do mercado

A Consellería do Medio Rural publicou no DOG do martes 24 de marzo unha Orde pola que se regula a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Nesta Orde recóllese a prohibición, ata o 31 de marzo,  da realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiro. É por isto polo que o Mercado de alimento labrego de Teo non voltará a estar operativo na súa ubicación habitual ata o levantamento desta prohibición. Esto tamén lle afecta ao mercadiño de Cacheiras dos venres. 

Sen prexuízo do anterior, permítese a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede en liña (correo electrónico), ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública.

Podes consultar aquí a orde completa

Podes ver aquí os teléfonos de contacto dos postos do mercado

mercado

Arquivos