O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Restaurado o Cruceiro de Freixeiro, na parroquia de Reis

| compartir:

Finalizadas as obras de restauración do cruceiro da aldea de Freixeiro, na parroquia de Reis, que dirixiu o conservador de bens culturais, Xabier Bernárdez Fresco, e financiou o concello de Teo. Foi preciso desmontar peza a peza o monumento para poder recolocalas correctamente e garantir, deste xeito, a correcta fixación dos diferentes elementos. 

O obxectivo deste traballo foi devolver a estabilidade xeral ao cruceiro e garantir a súa conservación futura. Tamén se eliminaron os engadidos de cemento da base, repuxéronse as pezas de chumbo (antigas canterlas de reforzo nos perpiaños da plataforma), cambiáronse os morteiros e realizáronse labores xerais de mantemento e limpeza xeral, sempre de forma manual con cepillos especiais para evitar danar a pedra e eliminar a colonización biolóxica. 

Aproveitando a ocasión, fíxose tamén un estudo do ben cultural para coñecer mellor o monumento que inclúe a recollida oral entre a veciñanza da contorna, fotografías ao detalle de cada elemento, a identificación das imaxes e a transcrición dos diferentes epígrafes mediante fotogrametría, co gallo de facer un rexistro o máis detallado posible do ben e incorporar toda esta información á nova ficha do inventario de bens culturais do concello. Un traballo que permitirá, con posterioridade, valorizar na súa xusta medida o traballo destes antigos mestres canteiros. 

FOTO