O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
Un ano máis, as distintas comisións organizadoras traballaron duro para botar a andar o Entroido 2025 en Teo, con atranques dos Xenerais da Ulla en cinco parroquias do Concello: Lucí, Rarís, Reis, Santa María de Teo e Cacheiras.
O Entroido dos Xenerais da Ulla foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e celébrase en oito concellos: A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, os cales colaboran conxuntamente na revitalización e promoción deste evento. Esta será a XI edición da celebración deste entroido tan característico da comarca do Ulla.
Este ano, o entroido comezará en Teo na parroquia de Lucí, o sábado 15 de febreiro, cos seus atranques ás 20.00 horas no campo da festa. Seguiralle a parroquia de Rarís, o domingo 16 de febreiro, con atranques ás 20.00 horas tamén no seu campo da festa.
A seguinte parroquia que toma a testemuña é Reis, con dous días de celebración na fin de semana do 22 e 23 de febreiro. As comparsas, os xenerais e os correos percorrerán a parroquia para rematar cos correspondentes atranques: o sábado no campo da festa e o domingo no aparcadoiro municipal de Pontevea, ambos ás 19.30 horas da tarde.
Xa en marzo, o Entroido dos Xenerais da Ulla percorrerán as dúas últimas parroquias teenses. Así, o sábado 1 de marzo será en Santa María de Teo, cos seus atranques ás 19.30 horas no campo da festa. Mentres que na parroquia de Cacheiras será toda a fin de semana, con atranques o sábado 1 e domingo 2 de marzo ás 19.30 horas na explanada do cemiterio de Cacheiras.
Como podedes ver, os carnavais veñen pisando forte no noso concello, con moitos días de celebración e, sobre todo, moitas gañas de festa por parte de toda a xente que traballa durante todo o ano para poder levar a cabo esta festividade tradicional. O Concello de Teo volve a ser o municipio con máis parroquias polas que desfilarán os Xenerais da Ulla.
Festa de Interese Turístico
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. As personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón. Toda a información e o calendario do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com