O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo forma parte da Asociación de Entidades Locais pola Lingua

| compartir:

Nos últimos días quedou constituída, nunha asemblea celebrada no Pazo de Raxoi, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua da que Teo forma parte. Trátase dunha entidade que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.

Un total de quince concellos de toda Galicia estiveron representados na xuntanza, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización. Por Teo estivo presente a concelleira de Cultura, Pilar Faxil. Na asociación están A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Santiago, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía e Rois.

Os integrantes son concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate. O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.

Na asemblea acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago ocuparán as tres vogalías da entidade.

foto grupo