O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Libreteo contará cunha mesa sobre liberdade informativa

| compartir:

O Concello de Teo organiza por terceiro ano o LibreTeo, unha xornada que ten como lema: Software Libre. Cultura Libre. Coñecemento Libre. Será o 28 de abril no Auditorio Municipal Constante Liste e xa están abertas as inscricións nas diferentes mesas e talleres. Para consultar o programa completo ou anotarte podes facelo entrando no sitio web do evento libreteo.gal. Todas as actividades do LibreTeo son de balde.

Este ano unha das mesas destacadas será sobre Liberdade informativa. Un encontro que xuntará a destacados profesionais dos medios de comunicación e ao enxeñeiro informático, Hervé Falciani, que participará na mesa por videoconferencia. No encontro trátase de contestar preguntas sobre onde está a liberdade informativa, cales son as consecuencias de querer exercela, se é real a presión de grupos económicos ou políticos sobre as empresas xornalísticas ou que son os medios independentes entre outras cuestións. A mesa comezará ás 11:00 horas e contará con Anibal Malvar (xornalista do Diario Público); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega); Raquel Ejerique (xornalista de eldiario.es); Adirán Estévez (un dos administradores da Wikipedia-Galipedia); Xurxo Salgado (editor de Galicia Confidencial), Cristina Huete (xornalista de El País) e Manel Pardo (xornalista e director de Lindeiros), como moderador. Para asistir é preciso anotarse premendo aquí

Programa

O programa completo do LibreTeo amosa a diversidade temática coa que se concebiu este evento anual. Un deles aboradará as ferramentas para o ensino, a cargo de Félix Díaz e Benxamín Salgado; outro tratará sobre xogos pedagóxicos para toda a familia, da man de Francisco Lorenzo. Miriam Calvo dirixirá un taller sobre elaboración de bonecos a partir de calcetíns e Iñaki Quenerapú ofrecerá outro sobre o deseño de cartelería utilizando a ferramenta CANVA. A Asociación Aberteo falará de seguridade na rede.

Todas as actividades serán no Auditorio Municipal Constante Liste ou na Casa do Concello, na Ramallosa, como sedes principais. A programación comezará ás 10:00 horas e prolongarase ata o serán.

Conchi García, concelleira de Promoción Económica destaca que "o LibreTeo mantén a súa aposta por aspectos coma a libertade informativa e o traballo colaborativo na busca de coñecemento común como temáticas destacadas". A maiores "tamén nos preocupamos por presentar unha oferta para toda a familia, con obradoiros para a infancia e outros para adultos" indica a responsable da organización.

LibreTeo