O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A Xunta Local de Seguridade constata que o índice de delincuencia do Concello está por debaixo da media provincial

| compartir:

Esta mañá reuniuse a Xunta Local de Seguridade do Concello de Teo coa presenza do Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto. Un dos aspectos que centrou a reunión foi a seguridade cidadá con especial atención aos roubos en vivendas unifamiliares, en determinadas urbanizacións do Concello, rexistrados nas últimas semanas.

 

 

 

O subdelegado do Goberno explicou, ao remate da reunión, que os datos de criminalidade en Teo son razoables sendo o índice do 17,6% mentres que o da provincia está no 29,2 e o de Galicia no 27,3. De todas maneiras “entendemos a preocupación dende o punto de vista da cidadanía”. Atán recoñece que se constata un repunte de roubos en vivendas, un dos delitos ademais que máis preocupa á cidadanía.

 

Para traballar contra este incremento “levamos a cabo varias medidas, por unha parte incrementamos as operacións preventivas con maior presenza policial e apoio da Comandancia a través da súa Unidade de Seguridade Cidadá e a vixiancia en determinadas franxas horarias co helicóptero da Garda Civil, ademais de reforzar a coordinación coas policías locais; por outra parte trabállase na fase da investigación dos delitos cometidos que agardamos e confiemos en que teña resultados pronto”.

 

Dende a Subdelegación explicouse que os reforzos en Teo se fan con carácter regular en función das necesidades que se detectan. Atán destaca que se trata de repuntes de roubos estacionais que se detectan en determinadas urbanizacións que dispoñen de boas comunicacións, o que facilita a comisión dese tipo de actuacións delitivas e a rápida fuxida dos autores.

 

Dende o Concello, o alcalde, Rafael Sisto, explica que “entendemos a preocupación pero queremos destacar que os datos, como en anos anteriores, sitúannos nuns parámetros razoables e temos que seguir traballando en coordinación coa Subdelegación e a Garda Civil para melloralos”. Sisto destacou que na reunión tamén se valorou positivamente o nivel de colaboración que había entre a Garda Civil e a Policía Local. De feito destacouse a colaboración da policía local nunha detención hai uns meses nos Tilos.

 

Na reunión participaron, ademais do Subdelegado e o alcalde, Jesús R. Viaño, Comandante do Posto da Garda Civil do Milladoiro; Francisco J. Jambrina, Coronel Jefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña; Alberto de la Fuente, Responsable da unidade de relacións coas Administracións Territoriais da Delegación do Goberno; José Bouzada Crespo, Inspector Xefe da sección de investigación da Unidade do CNP adscrita á Xunta de Galicia; Manuel Parga, Xefe da Policía Local de Teo e Berta Conde, Coordinadora dos Servizos Sociais Comunitarios de Teo.


 

Xunta Local de Seguridade