O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo celebra o Día de Rosalía cunha gran alborada nos colexios

| compartir:

O Concello de Teo adiantou ao venres a celebración do Día de Rosalía para poder facelo coa comunidade educativa. Durante a mañá do venres 23 o alumnado dos centros escolares de Teo puideron escoitar unha alborada de gloria e diferentes pezas musicais interpretadas polo grupo Carapaus. Ademais ao mediodía, nos comedores escolares, ofreceuse o caldo de gloria, que lembra o poema “Miña casiña, meu lar” do libro Follas Novas no que a poeta explica como unha muller pobre relata a súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller, que vén de Santiago a Padrón, e chega á casa mollada e esfameada, pero consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote.

Deste xeito os escolares teense achegáronse un ano máis á figura da nosa poeta universal e de seguro moitos deles e delas viron o bolo de pote por primeira vez. O Concello únese deste xeito á iniciativa da Fundación Rosalía  que quere convidar a toda Galicia a facer caldo de gloria o sábado 24 de febreiro, data de nacemento da autora. 

Desde o Concello de Teo queremos convidar a toda a poboación a que conmemore esta data cociñando un caldo de gloria nos seus fogares. Para iso, poden consultar a receita do tradicional caldo de picadillo do 1905 ou calquera outra receita actualizada. Así mesmo, as persoas que o desexen poden descargar o mantel deseñado para a ocasión ou descargar a voandeira co poema de Rosalía.

O Concello de Teo colabora coa Fundación Rosalía de Castro nesta iniciativa e chama a compartir nas redes sociais os cancelos: #CaldodeGloria #DíadeRosalía

caldo de gloria

Día de Rosalía