O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello prepara actividades nos centros de ensino para celebrar o Día de Rosalía

| compartir:

O Concello de Teo celebrará o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino municipais. Este vindeiro 24 de febreiro cúmprense 181 anos do seu nacemento, pero ao cadrar esta efeméride en sábado as conmemoración nos colexios serán o venres 23.

A iniciativa central será o “Caldo de Gloria”, inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” do libro Follas Novas no que a poeta explica como unha muller pobre relata a súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller, que vén de Santiago a Padrón, e chega á casa mollada e esfameada, pero consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote.

Así, os e as escolares teenses poderán degustar durante a xornada do venres 23 de febreiro un caldo elaborado nos propios comedores escolares dos centros, recibirán o poema e descubrirán a poesía de Rosalía.

Así mesmo, ese mesmo día, un grupo de gaiteiros dará os bos días nos centros de ensino cunha alborada de gloria na honra da autora, xa que Rosalía sitúa un poema que titula Alborada no remate do seu libro Cantares gallegos, poema para o que, segundo a autora, compón unha letra para unha música.

Desde o Concello de Teo queremos convidar a toda a poboación a que conmemore esta data cociñando un caldo de gloria nos seus fogares. Para iso, poden consultar a receita do tradicional caldo de picadillo do 1905 ou calquera outra receita actualizada. Así mesmo, as persoas que o desexen poden descargar o mantel deseñado para a ocasión ou descargar a voandeira co poema de Rosalía.

O Concello de Teo colabora coa Fundación Rosalía de Castro nesta iniciativa e chama a compartir nas redes sociais os cancelos: #CaldodeGloria #DíadeRosalía


 

caldo de gloria

Arquivos descargables