O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Titiriberia recuperará mañá sábado a Feira Cabalar de Francos como espazo para os títeres tradicionais

| compartir:

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, continúa mañá sábado, día no que se celebra a Feira Cabalar de San Martiño de Calo na Carballeira de Francos. O Festival recuperará esta histórica feira como un espazo para os títeres tradicionais. Tiriberia instalará así unha barraca no recinto para realizar diferentes actuacións.

Deste xeito, as actividades comezarán a partir das 11.30 horas da man das compañías galegas Títeres Alakrán e Seisdedos Mariontetas tradicionais. As dúas formacións recrearán os espectáculos de porta que a familia Silvent, como moitos outros feirantes, facían na entrada das súas barracas para chamar o público, un grupo de artistas animará a feira de Francos e chamará pola participación dos asistentes. Un zancudo, o cego coas súas coplas ou o pallaso farán do campo da feira un lugar de divertimento.

Pola súa banda, a compañía portuguesa Maozorra ofrecerá dous espectáculos na Barraca de Barriga Verde. O primeiro deles será O barbeiro, ás 12.30 horas, que trata a historia de Roberto, queno día do seu casamento vai ao barbeiro para se afeitar. Durante o corte, provoca algunhas travesuras e despois négase a pagar. Aqui comezan todas as maldades e enganos entre ambos, ata que se xuntan á lea un Policía, un diablo e mesmo a morte. Novas situacións para os personaxes clásicos dos bonecos portugueses.

Xa ás 16.30, Maozorra ofrecerá o seu segundo espectáculo:A tourada.  Sen unha narrativa clara, a obra refai o número da tourada propia dos Robertos cun touro que non é fero, que se cansa e que adora as festiñas. Unha divertida historia que retrata de xeito especial esta tradición portuguesa.

A compañía hispano francesa Pelele chegará a Barraca de Titiriberia ás 18.00 horas para representar La Muerte de Don Cristóbal. Avaro, feo, malo e sen escrúpulos, Don Cristobal só vive para seguir a aumentar a súa considerable fortuna. Pero a súa serventa, pobre, ciumenta e aínda máis fea tentará todo tipo de estrataxemas para o asasinar e se facer cosa súa fortuna. A compañía Pelele mestura a técnica tradicional do títere mediterráneo coa estética e o ritmo Cartoon para nos achegar o personaxe clásico dos títeres españois, nunha historia universal da vontade de vivir onde o humor, a enerxía e a caricatura transcenden o medo e a violencia.

A xornada rematará ás 19.30 horas con Viravolta Teatro, que fará un achegamento á histórica figura de Barriga Verde. Mesturando a tradición do títere galego coa europea, recóllense cinco situación que Barriga Verde, coa axuda da súa cachaporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo, que atopa o inferno cheo de personaxes que non lle son gratos. Espectáculo baseado na investigación que a compañía fixo sobre a figura de Barriga Verde e o títere tradicional galego. Preséntase coma unha homenaxe ao Barriga Verde que a familia Silvent representou por Galicia na primeira metade do século XX. O espectáculo ofértase no seo dunha barraca que recrea a experiencia orixinal que viviron milleiros de galegos durante décadas.

PROGRAMACIÓN SÁBADO 11

 

Marionetas tradicionais

Animación con Títeres Alakrán e Seisdedos Marionetas Tradicionais

Lugar: Feira de Francos

Hora: Desde as 11.30

 

O Barbeiro

Espectáculo de monicreques da compañía portuguesa Maozorra

Lugar: Barraca de Barriga Verde na Feira de Francos

Hora: 12.30

 

A tourada

Espectáculo de monicreques da compañía portuguesa Maozorra

Lugar: Barraca de Barriga Verde na Feira de Francos

HORA: 16.30

 

La muerte de Don Cristóbal

Espectáculo de monicreques da compañía franco hispana Pelele

Lugar: Barraca de Barriga Verde na Feira de Francos

HORA: 18.00 h.

 

Barriga Verde

Espectáculo de Viravolta Títeres

Lugar: Barraca de Barriga Verde na Feira de Francos

HORA: 19.30 h.

Titiriberia