O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O alcalde asina coa Xunta o convenio para o novo centro de saúde

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde no concello de Teo esta mañá. Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, e pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez,

No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela que contará con aproximadamente 10.460 m2, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración. 

A dispersión da actividade asistencial en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións, e faise necesario poder contar cun centro de saúde que tamén teña capacidade para poder incrementar a carteira de servizos incorporando saúde bucodental. 

Segundo indican dende a Xunta con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado.

Se ben no proxecto inicialmente incluído no devandito Plan estaba prevista a construción do novo centro de Saúde en Teo que substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, despois de manter unha reunión coa área sanitaria, o goberno local e os grupos políticos representados na corporación, chegouse ao acordo de mudar a decisión e o novo proxecto substituirá aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea. 

Así, o novo centro de saúde finalmente construirase no lugar da Ramallosa, ubicación que se considera a mellor para poder atender á poboación teense, decisión á que se chegou despois de manter distintas reunións nas que quedou patente a necesidade de manter en funcionamento o actual centro de saúde dos Tilos. 

Se ben o novo centro de saúde de Teo formaba parte da Fase 2 deste Plan, a celeridade do concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata ten levado ao Goberno galego a priorizar a proposta deste novo centro de saúde.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 16 consultas de adultos, área bucodental, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas e unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións, área de pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación, unha sala de docencia e unha zona de vestiario de pacientes.

centro saude