O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Abre o prazo para inscribirse nas escolas deportivas e as escolas culturais para o curso 2017-18

| compartir:

O Concello de Teo abre o prazo de inscrición, entre o 1 e o 15 de setembro, para unha nova tempada as escolas e actividades deportivas e escolas culturais municipais. A preinscrición debe realizarse no Rexistro Xeral do Concello e o criterio para a selección será a orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas.

Desde a Concellaría de Deportes ofértanse as Actividades Deportivas para Adultos e as Escolas Deportivas, deseñadas para franxas de idade dos 3 aos 16 anos. As escolas deportivas, que tradicionalmente se impartían nos tres pavillóns municipais, Calo, A Ramallosa e Os Tilos, amplían as instalacións coa inclusión de novas actividades ao campo de fútbol de Cacheiras, IES de Cacheiras, e á área de bicitrial da Lagoa de Luou. Mentres tanto, as actividades de ximnasia para adultos, que teñen sede nos tres polideportivos municipais e no ximnasio do colexio dos Tilos tamén se realiza en diferentes casas comúns distribuídas polo concello, co fin de ofrecer unha proximidades destas á cidadanía.

Entre as actividades ofertadas polo Departamento de Deportes, cómpre destacar a inclusión de catro novas disciplinas deportivas. Estas son a actividade de kickboxing, que se impartirá no pavillón de Calo, as actividades de skate e béisbol, que se impartirán no IES de Cacheiras, e a disciplina de voleibol, pendente de confirmar instalación. As demais disciplinas manteñen unha liña continuista na oferta. Así as actividades para os máis novos son baile kids, baloncesto, karate, kickboxing, patín, minitenis, psicomotricidade, tiro con arco, ciclismo, bádminton, rugby e fútbol americano, skate, béisbol, tenis, atletismo, pádel, judo, xadrez, bicitrial, taekwondo e voleibol.

Pola súa banda, as Actividades Deportivas de Adultos están compostas por actividades de ximnasia, móvete con ritmo (actividade física ao son da música), reláxate (actividade física de relaxación), tenis e tiro con arco.

As Escolas Culturais tamén veñen con novidades con respecto ás últimas edicións. Así é que se inclúen dúas novas modalidades, un obradoiro de danza contemporánea destinado a un público de 6 a 8 anos e un obradoiro de programación destinado a nenas e nenos de 7 a 9 anos.

As outras actividades culturais non varían con respecto á pasada edición, polo tanto, mantense a oferta das actividades de artes plásticas, artes escénicas, guitarra e pre-circo.

Estas actividades culturais realízanse en diferentes locais municipais esparexidos polo concello tamén co fin de achegalas a toda a poboación.

As actividades comezan a primeiros do mes de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.

O prazo de preinscrición está establecido entre o 1 e o 15 de setembro e a realizarase mediante o formulario de inscrición para as escolas deportivas, o formulario de inscrición para as actividades deportivas de persoas maiores ou o formulario de inscrición para as escolas culturais.

A partir do 21 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben nos propios departamentos de Deportes ou de Cultura municipais, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da taxa.

Podes consultar a información completa na convocatoria das escolas e actividades deportivas e na convocatoria das escolas culturais.

Escolas culturais