O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O programa de conciliación familiar Diverteo inicia o funcionamento por primeira vez no mes de agosto

| compartir:

O Concello de Teo puxo en funcionamento o Diverteo no mes de agosto, co que cubre así todos os períodos vacacionais non lectivos, uníndose así aos xa existentes nos meses de xuño e setembro e nas vacacións de Nadal e Semana Santa.

Este programa pretende ser unha ferramenta de axuda para as familias na conciliación familiar e laboral e está destinado a nenos e nenas escolarizados nos CEIPs e CRA entre 3 e 12 anos, con preferencia para os empadroados en Teo.

Os participantes que accedan a este servizo tiveron que ter un mes sen asistir a DiverTeo durante o curso anterior. O concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, explica que esta condición establécese para “harmonizar a conciliación da vida laboral e familiar co dereito ás vacacións fóra do espazo habitual dos nenos e nenas”.

O Diverteo agosto funcionará en dúas quendas, unha na primeira quincena e outro na segunda quincena do mes de agosto no colexio da Ramallosa en horario de 07:30 ás 15:30 horas.

O Diverteo desta primeira quincena de mes comezou xa cun total de 14 nenas e nenos participantes, mentres que o da segunda quincena ten un total de 16 inscritos e inscritas.

Este servizo ten un prezo mínimo diario de 5 euros e un máximo de 9 euros no caso de solicitar comidas.

Diverteo en setembro

O DiverTeo convocarase tamén para o mes de setembro, entre os días 1 e 8, agás na fin de semana. Neste caso, haberá 150 prazas e desenvolverase nos colexios de Calo, da Ramallosa e dos Tilos.

Diverteo