O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO DE TEO RECIBE UNHA IMPORTANTE DOAZÓN DE IMAXES ANTIGAS DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO MUNICIPAL

| compartir:

Ángel Núñez Sobrino, profesor de filosofía, colaborador do museo de Pontevedra e tamén autor de varios artigos sobre arqueoloxía, mantén a custodia do importante arquivo e fondos bibliográficos e pictóricos da familia Núñez – Sobrino. Ángel Núñez Sobrino doou ao Concello de Teo 23 imaxes antigas de petróglifos e mámoas no termo municipal de Teo, algún deles xa desaparecido.

Grazas á mediación da Asociación Cultural “O Colectivo A Rula”, xa que foron eles os que fixeron o primeiro contacto, descubriron o material e realizaron o traballo de intemediación entre Ángel Núñez Sobrino e o Concello de Teo, oficializouse hoxe esta importante doazón de fotografías da arte rupestre, que axuda a coñecer o estado de conservación dos petróglifos teenses a mediados do século pasado. Ángel Núñez Sobrino visitou o Salón de Plenos do Concello de Teo para facer a entrega oficial dos estoxos á alcaldesa accidental, Salomé Beiroa, en presencia do arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, que será o encargado de realizar a oportuna conservación e custodia. Ambos representantes municipais agradeceron a Núñez Sobrino esta importante doazón que amplía o patrimonio cultural municipal.

 

 

 

Logo de positivar os negativos o Arquivo Municipal de Teo obtivo un total de 23 imaxes dos petróglifos e paraxes teenses estudadas por don Ramón Sobrino Lorenzo (considerado un dos pais da arqueloxía galega) e o seu colaborador e amigo don Adolfo Calvo, practicante municipal e veciño da Igrexa – Luou. Adolfo actuaba de informante e anfitrión de Ramón Sobrino Lorenzo nas súas estadías no concello. As imaxes iniciais entregadas por Núñez Sobrino atopábanse en dous pequenos estoxos con negativos fotográficos dos anos 1949 e 1951 (Luou) e 193? (Mallos) e varios deseños realizados por don Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, logo das que se obtiveron as 23 imaxes finais citadas.

 

 

 

Feita a doazón, as imaxes pasarán a formar parte da colección dixital de fotografía antiga do Arquivo Municipal de Teo.

 

 

 

A relevancia histórica e documental deste material para o estudio da arte rupestre no Concello de Teo levou ao Arquivo municipal a solicitar a doazón dixitalizada deste material e a cesión dos seus dereitos para usos culturais, de carácter divulgativo e pedagóxico realizados polo Concello. Documentos gráficos que veñen a confirmar a relevancia da área arqueolóxica do Monte Piquiño e a súa contorna para un dos mestres pioneiros da arqueoloxía en Galicia. Estes materiais servirán para enriquecer exposicións sobre o patrimonio cultural teense, permitirán pór en valor a arte rupestre no concello, facilitarán datos novos ós historiadores e arqueólogos e achegarán novos contidos para a elaboración de unidades didácticas nas escolas teenses.

 

 

 

O Concello de Teo ten previsto realizar no vindeiro mes de setembro unha visita guiada a estes petróglifos que será previamente publicitada en www.teo.gal.

teo