O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Pleno do Concello de Teo aprobou onte por maioría unha moción de urxencia do Partido Popular sobre os problemas hidráulicos detectados nas obras de mellora e ensanche da estrada provincial DP-8202 entre As Galanas e Cacheiras, coñecida como “variante de Cacheiras”.
Na moción recóllese que existen indicios de que a solución de drenaxe executada nesta estrada poida estar modificando as condicións de escorrentía e concentrando augas pluviais cara a un regato que atravesa unha zona residencial, o que podería derivar en incidencias sobre as vivendas, parcelas e vías de acceso situadas augas abaixo da estrada.
De feito, o Concello tivo coñecemento da preocupación existente entre os veciños e veciñas afectados, que presentaron un escrito advertindo dos problemas que se están producindo na zona e do temor a que a nova infraestrutura poida incrementar o risco de inundación.
Ante isto, e a través desta moción, o Concello de Teo insta á Deputación Provincial da Coruña a que, con carácter urxente e antes da finalización e recepción das obras da DP-8202, realice unha revisión técnica e hidráulica integral do sistema de drenaxe executado, considerando non só a capacidade de evacuación da plataforma viaria, senón tamén os efectos da captación, concentración e vertedura das augas sobre o regato receptor, as obras de paso existentes e as vivendas, parcelas e vías de acceso situadas augas abaixo.
Así mesmo, tamén se lle solicita ao ente provincial que comprobe a solución prevista e executada respecto das instalacións de enerxía eléctrica e telecomunicacións afectadas pola actuación e que, cando resulte esixible de acordo co proxecto aprobado e coa normativa aplicable, proceda ao seu soterramento e á retirada dos postes e elementos aéreos que deban ser eliminados.
Transporte urbano aos Tilos
Tamén foi aprobada outra moción de urxencia do Partido Popular sobre os cambios previstos nas rutas dos buses urbanos de Santiago de Compostela que chegan ata a urbanización teense dos Tilos, concretamente as liñas 6 e 12.
Nesta moción, Teo solicítalle ao Concello de Santiago de Compostela unha revisión do novo mapa de rutas de transporte urbano, tendo en conta o actual convenio vixente co Concello de Teo para as liñas 6 e 12, ademais de pedir expresamente que evite suprimir a liña 12 que leva dos Tilos aos hospitais, pois é moi demandada pola veciñanza teense e tamén usada polos veciños de Santiago. Por último, tamén se insta ao Concello de Santiago os novos horarios que terá a liña 6 para poder actualizar as frecuencias do bus lanzadeira e optimizar este recurso público.