O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo unha xuntanza en San Lázaro co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, para interesarse polas previsións do futuro centro de saúde da Ramallosa.
Neste senso, a alcaldesa manifestou que a comezos de novembro estará lista -por parte do Goberno local- a modificación da aprobación definitiva do Plan Especial de dotacións de infraestruturas para o centro de saúde. A partir de entón, a Consellería poderá licitar a redación do proxecto e, máis adiante, licitar as obras. A alcaldesa agradeceulle ao conselleiro o seu compromiso con Teo e a premura con este tema en concreto.
Durante a reunión, tamén analizaron o estado do resto de centros de saúde do concello, onde precisamente o consultorio dos Tilos foi acondicionado este ano a través dun convenio de colaboración entre ambas administracións. Así, procedeuse a mellorar o sistema de calefacción, mediante o cambio de caldeira, de diversos radiadores e da bomba de circulación. Tamén se renovou a pintura de diferentes estancias e optimizouse a iluminación interior.
Centro de saúde da Ramallosa
O novo centro de saúde, que terá unha superifice de 1.800 m2 nunha parcela cedida polo Concello de 10.539 m2, suporá un investimento estimado por parte da Xunta de Galicia duns 4,3 millóns de euros.
Esta nova infraestutura estará dotada con 16 consultas de adultos, unha área de saúde bucodental, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas, unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións. Tamén disporá dunha área de atención pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación e unha sala de docencia, entre outras dependencias.
Polo tanto, o Plan funcional deseñado para este novo centro de saúde prevé o incremento de 2 consultas de medicina, 2 de enfermería, 1 de farmacia e 1 sala de técnicas, unha área de saúde bucodental, así como un despacho de traballador social. Ademais, na área de pediatría ampliarase o número de consultas de 1 a 2 e dotarase o centro cunha sala de enfermería pediátrica e unha sala de observación. Tamén disporá dunha sala destinada á docencia, unha zona de vestiario de pacientes e dous despachos para coordinación e atención ao usuario.