O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Xeografía e clima

Teo forma parte da comarca de Santiago, xunto aos concellos de Val do Dubra, Ames, Boqueixón, Brión, Vedra e a propia capital de Galicia. Os seus lindes márcanos: polo norte Ames e Santiago; polo sur Padrón e A Estrada; polo leste Vedra e polo oeste Brión e Rois.

O municipio conta cun total de 18170 habitantes que se distribúen nun total de 80 km2 e localízase nunha área de pendentes suaves que descenden de xeito progresivo dende o norte; dende as superficies de achairamento de norte e oeste (Pena Agrela con 410 m., Alto de Montouto con 339 m. e monte da Pulga con 373 m.) até o val do Ulla, a menos de 100 m. sobre o nivel do mar.

En termos xeolóxicos podemos dicir que o concello de Teo está constituído por materiais duros de tipo xistos, lousas e granitos e rochas sedimentarias nas áreas de menor altura, como son os vales do Ulla ou de Santa Lucía. As superficies de erosión do norte o do oeste do municipio correspóndense con antigos macizos erosionados no secundario e que agora forman unha sucesión de ondulacións con resaltes graníticos nas alturas comprendidas entre os 300 e os 400 m.

A estrutura do terreo teense é alombada debido ás traxectorias dos ríos que cruzan o termo: Santa Lucía, Tella, Rego do Chao (afluentes do Ulla) e o río Tinto (afluente do Sar). O río Ulla discorre polo terreo en dirección leste-oeste e amosa un encaixamento máis marcado no linde occidental do concello mentres no lugar en que recibe o Santa Lucía se abre unha ampla chaira aluvial colmada de sedimentos terciarios e cuaternarios.

Respecto do clima, Teo forma parte do dominio oceánico hiperhúmido, con temperaturas suaves matizadas pola presenza do val do Ulla no sur e pola altitude das áreas septentrionais. A temperatura media anual está entre os 13 e os 14ºC, que se reducen entre os 7 e os 9ºC nos meses de inverno. As precipitacións son elevadas, especialmente no norte do termo municipal, posto que se trata dunha área exposta directamente á entrada de masas húmidas. Recóllense entre 1700 e 1800 mm. anuais