O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Historia

No Antigo Réxime as parroquias que forman o actual Concello de Teo formaban parte de tres xurisdicións. As actuais parroquias de Calo, Cacheiras, Luou, Oza, Rarís, Recesende e Reis, formaban parte da Xurisdición do Xiro da Rocha. As parroquias de Bamonde, Lucí, Vilariño e Teo pertencían a Xurisdición de Vea. E a parroquia de Lampai a Xurisdición de Quinta.

Estas tres xurisdicións integrábanse no Señorío do Arcebispado de Santiago de Compostela.
Coa constitución dos primeiros concellos no segundo período liberal (1820-1823) a maior parte do territorio hoxe ocupado por Teo coñecíase co nome de Oza, pertencente ó partido xudicial de Sar, figurando nos repartimentos da Deputación de Galicia, por entón única. No repartimento de quintas do 7 de xullo de 1821 o Concello de Oza tiña a obriga de entregar 4 homes e no repartimento do 13 de setembro dese ano estaba obrigado a unha cota de 44.955 reais e 32 marabedís. Na contribución de consumos do 2 de outubro de 1821 correspondíanlle 7.018 reais e 17 marabedís. A volta de Fernando VII ó Absolutismo en outubro de 1823 supón a disolución dos concellos constitucionais e a volta ó Antigo Réxime.
Coa división provincial das catro novas provincias en 1822 (Decreto LIX das Cortes do 27 de Xaneiro de 1822 que establece na provincia única de Galicia catro novas provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo) o Concello de Oza seguía a formar parte do partido xudicial de Sar pero agora dependente, en canto a imposición, da Deputación da Coruña, que facía un repartimento de quintas o 27 de Xullo de 1821 no que Oza queda obrigado a entregar dous homes. No reparto do orzamento xeral de gastos para o período 1822-1823 (do 10 de decembro de 1822) figuraba Oza con 3.470 reais e 32 marabedís.
Na reforma xudicial do ano 1834, e xa co nome de Concello de Teo, o municipio quedou asignado o partido xudicial de Padrón.
Cos proxectos de desenvolvemento do R.D. de 23 de Xullo de 1835 (Segundo a Lei de Reforma Administrativa promovida por Javier de Burgos onde se deseñan as provincias e Concellos que se manteñen na actualidade), xurdiu unha nova división municipal. O Concello de Teo e o seu termo son resultados deles figurando no Boletín Oficial da Provincia, número 116 do 25 de abril de 1836, que contiña as observacións producidas contra o mesmo. Así, neste proxecto o Concello de Teo contaba cunha parroquia máis das que logo lle serían adxudicadas no proxecto definitivo.
Pasado o período de formulación de observacións, o proxecto levouse á sesión da deputación do 7 de xuño de 1836 e aprobouse definitivamente, sendo publicada a súa constitución o 15 de agosto. Aínda así non foi até o 13 de setembro dese ano cando o concello se constituía de xeito efectivo coa toma de posesión do seu secretario, tal e como reflicte o expediente do reparto de gastos municipais de 1836.
Deste xeito, o Concello de Teo quedou definitivamente integrado por 12 parroquias, perdendo a parroquia de Rumille, que pasou ao concello de Padrón, compensando así a este último municipio pola creación do Concello de Dodro.
A relación definitiva, no referente ao partido xudicial de Padrón, publicouse no Boletín Oficial da Provincia (núm. 141 do 22 de xuño de 1836) para a inmediata instalación dos concellos.