Be water na Biblioteca dos Tilos

be water

Este venres 3 de outubro ás 18:00 horas na Biblioteca dos Tilos teremos o espectáculo Be water. Dentro do programa Ler Conta Moito da Concellaría de Cultura e a Rede de Bibliotecas de Galicia o veciño de Teo e actor Vicente Mohedano presenta Be water! Contemplando a Terra desde a Estación Espacial Internacional (EEI) descobres que todo o que coñeces, todo o que viviches, está aí, nesa humilde esfera húmida enfeitada de mares e nubes. É precisamente esa humidade o que a fai especial: é a auga brincando a ser mar, a ser río, a ser nube, a que permite a vida. Vivindo na Terra acábaste habituando aos ciclos: a primavera segue ao inverno, as criaturas nacen e morren, e a auga, tan versátil ela, pasea pola Terra nun ciclo sen fin desde que chegou. Be Water. Hidrólise, vasos comunicantes, osmose inversa, células de combustible... todo combinado con dramatizacións coa participación do público para recrear con humor os conceptos máis arriscados. 

Trátase dun obradoiro de divulgación con alta dose de show didáctico para público de 7 a 12 anos.

A capacidade está limitada polos protocolos sanitarios e requírese reserva a través do correo electrónico entradascultura@gmail.com

Cultura con seguridade. A programación está adaptada á normativa en vigor da covid-19 e supeditada a posibles cambios.